O recente anuncio de concentrar toda a administración audiovisual galega nun só organismo deixou fóra ao Centro Galego das Artes da Imaxe, que, desde os inicios do goberno bipartito, permanece na Secretaría Xeral de Medios.
A desaparición do Consorcio Audiovisual Galego e o traspaso das funcións á Agadic non se verá completado polo momento coa incorporación da filmoteca galega á estrutura da Secretaría Xeral de Cultura. Neste sentido, fontes desta última entidade sinalaron que o actual organigrama permanecería como está, pero sen descartar que nun prazo máis longo o CGAI acabe encadrado en Cultura, unha circunstancia que desde este ámbito consideran lóxica. Para que este cambio non se produza agora, segundo fontes da Xunta, inflúe por unha parte que a Agadic ten que desenvolver un novo departamento audiovisual para xestionar todo o relacionado co sector e que este é, segundo a Xunta, un labor prioritario.
En canto ao longo prazo, a Secretaría Xeral de Cultura non descarta que o CGAI se integre na súa estrutura e non na da Agadic, polo carácter do centro. Pero este cambio non ten previsión nin calendario. Desde Cultura considérase que a integración lóxica do CGAI sería no seu organigrama, pero este cambio non foi abordado de xeito concreto e posiblemente non se aborde no que queda de lexislatura.
O CGAI está funcionando como filmoteca de Galicia, conservando os arquivos audiovisuais e tamén programando ciclos de cinematografías non comerciais na súa sede coruñesa. Entre os seus fondos figuran orixinais e copias de todo tipo de películas desde principios do século pasado e de producións galegas. Tamén forman parte dos seus fondos diversos arquivos fotográficos e máis o Arquivo Cortázar, cedido pola viúva do escritor e no que, ademais de papeis do escritor, hai material audiovisual e gráfico.