A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrará mañá, venres, de xeito especial a conmemoración do aniversario da escritora Rosalía de Castro.
Por unha banda, a asociación que preside Cesáreo Sánchez Iglesias animará aos galegos a celebrar o 175.º aniversario do nacemento agasallando cun libro en galego e cunha flor. A esta iniciativa están sumadas xa algunhas librerías, como o caso da Galería Sargadelos, en Ferrol, ou a Librería de Aira en Allariz.
Ademais, a mesma asociación ten organizado para mañá unha lectura expandida de textos de Rosalía en moitas poboacións galegas. Os locais e os horarios nos que se desenvolverá esta actividade ao longo do día son en Santiago de Compostela, 18.00 horas. Panteón de Galegos Ilustres; en A Coruña, 18.30, Kiosko Alfonso; Lugo, 10.30, Salón de actos do IES Lucus Augusti; Ourense, 19.00, Liceo de Ourense; Ferrol, 19.00; Galería Sargadelos. Vigo, 19.30, Museo de Arte Contemporánea (Marco); A Rúa, 18.30, Biblioteca pública municipal; Pontevedra, 18.00, Casa das Campás; Monforte, 21.00, Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos; Sabarís, Baiona, todo o día No Mercado da Tía Ni. Allariz, Libraría Aira das Letras. A participación é libre e a organización ten dispostos textos para ser lidos en cada unha das convocatorias.