O catálogo de Paul Auster en Galaxia chega aos sete títulos

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xa está dispoñible o seu novo libro, «Diario de inverno», traducido de novo por Eva Almazán

02 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Dende o primeiro día deste mes xa está dispoñible o novo libro de Paul Auster (Nova Jersey, 1947), Diario de inverno, na súa versión galega da man de Editorial Galaxia. O volume súmase aos seis títulos do escritor norteamericano no catálogo de Galaxia e foi traducido, como os anteriores, por Eva Almazán. O selo galego incorporou a Auster aos seus autores no 2006 coa publicación de Brooklyn Follies, á que seguirían Viaxes no scriptorium, o guión A vida interior de Martin Frost, Un home na escuridade, Invisible e Sunset Park.

O director editorial de Galaxia, Carlos Lema, enmarca este labor nunha política global de traducións de literatura contemporánea, e que ten en Auster, xunto co turco Orhan Pamuk e o xaponés Haruki Murakami os seus rostros máis visibles. «Non é unha aposta pola literatura de consumo, senón de calidade», explica Lema, quen subliña dúas ideas básicas con respecto aos autores traducidos: dunha banda, continuidade no seu catálogo; doutra, que as novidades poidan lerse «ao mesmo tempo en galego como nas outras linguas do Estado». Neste sentido, Galaxia busca que as últimas entregas de Auster, Pamuk e Murakami estean nas librerías galegas ao mesmo tempo que as edicións en castelán. «No fondo, é un sinal de respecto polo lector galego, que non é menos que o que le en castelán ou catalán», afirma o editor. Para conseguilo, destaca o papel dos tradutores, «que conseguen rematar o seu traballo con calidade e o ritmo necesario». No caso de Diario de inverno, dáse a circunstancia de que ademais as versións galega e castelá se publican meses antes que o orixinal en inglés.

A recepción destes autores varía en función dos títulos. De Auster tivo boa acollida Brooklyn Follies, mentres que A vida interior de Martin Frost non tivo a mesma sorte. Curiosamente, Lema xa participara na edición do primeiro libro de Auster que se traduciu ao galego, Mr. Vertigo, que apareceu en 1996 en Sotelo Blanco na versión de Xosé Antón Dobao.

«A intención final desta política de tradución, que tamén se apoia na Biblioteca Compostela, é gañar lectores para o galego. Que grandes autores internacionais se poidan ler na nosa lingua ao mesmo tempo que nas demais axuda a que se fomente a lectura en galego», engade Lema.