12 DE MAYO

Os Resentidos volverán tocar xuntos en Ourense

O concerto único «A tribo toda baila» será o 12 de maio en Expourense

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Hai meses que se viña falando da iniciativa de varios músicos para facerlle unha homenaxe-recoñecemento a Os Resentidos polo que significaron para a música e a cultura de Galicia. O proxecto segue adiante e vai camiño de chegar a bo porto. En maio verase o resultado, e servirá como achega a unha cita histórica: o reencontro de Os Resentidos para celebrar o seu 30.º aniversario cun concerto único, que terá lugar no recinto de Expourense o vindeiro 12 de maio.

O proxecto A tribo toda baila foi presentado onte no Concello de Ourense por Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto, integrantes da mítica banda, e pola concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez. Os Resentidos marcaron unha etapa na música galega, e do Estado, cos seus sete discos entre 1982 e 1994, data na que se separaron.

Celebrando o 30.º aniversario

Logo de 18 anos volverán xuntarse para o concerto único, co que conmemorarán o 30.º aniversario da banda e Antón Reixa dixo onte, ante a ausencia de Alberto Torrado, que seguramente este «subirá ao escenario a tocar algún tema e tamén tentaremos convencer a Xavier Devesa», quen con Reixa e Torrado completou a última formación da banda en 1994.

Autores de temas que aínda hoxe son un referente -do Galicia sitio distinto ao Sector naval, pasando polo Galicia caníbal (Fai un sol de carallo)- Reixa, que se comprometeu a estar en forma para o concerto, reivindicaba onte a ironía «non como unha cousa folclórica, senón como un xeito de intelixencia colectiva» para afrontar os actuais tempos de crise «que tanto se parecen a aqueles nos que había un 20 % de paro e os graves problemas da reconversión do sector naval». «Daquela eramos o únicos grupo que facía rock en galego. Agora hai 80 ou 100 pero non teñen o eco que se merecen», declarou. Pola súa banda, Isabel Pérez reivindicou a plena vixencia das letras da banda liderada por Reixa.

No concerto, organizado por Fankani Produccións co patrocinio do Concello de Ourense, Os Resentidos terán como grupos convidados a O Sonoro Maxín e Novedades Carminha. As entradas xa se poden adquirir, a 6 euros, ata o 1 de abril, en www.osresentidos.com.