Tomiño rende homenaxe a Franco Grande, «un galego universal»

Monica Torres
mónica torres TOMIÑO / LA VOZ

CULTURA

M. MORALEJO

O intelectual recibiu onte o título de fillo predilecto da súa terra natal

15 ene 2012 . Actualizado a las 10:57 h.

«Xosé Luís Franco Grande é un deses homes imprescindibles aos que invoca Bertolt Brecht». Falou así o seu amigo e compañeiro de profesión Xosé Antón Gómez-Segade, encargado da loanza que introduciu o acto de nomeamento deste intelectual galeguista, escritor, avogado, poeta e membro de número da Real Academia Galega, como fillo predilecto do seu concello natal, Tomiño.

O percorrido pola traxectoria de Franco Grande, «produto da colleita do 36 no val de Tebra» correu da man e voz de Gómez-Segade, quen enfiou o mar de palabras da homenaxe engarzando os nomes propios, topónimos, feitos e momentos da vida do escritor dende que escoitou o cuco de Salgueiró. Nese espazo de sete décadas viviu entre Samoelle, Vilameán, Vigo e Santiago, onde chegaron a súa dona, a gran ausente e presente na mañá de onte, e as súas fillas, «ás que trouxo a Tebra».

O profesor da Universidade de Santiago falou do seu «mestre, amigo e guía» nas dimensións da cultura, a prosa e a política aludindo ao «poeta intimista e existencialista» con «versos de altura elexíaca mundial». Gómez-Segade bosquexou «o pulo vital deses 75 anos» que se basa en ter soños: «Porque para estarmos vivos hai que ser insensatos». Nesa natureza insistiu en sete expresións: «Modestia, curiosidade, rigor intelectual, lealdade e fidelidade e o seu carácter labrado no mármore; recto como un carballo e forte coma un buxo».

«Sei que é posible devolverlle a identidade e o orgullo a este país»

A alcaldesa, Sandra González, volveu sobre as palabras de Franco Grande en Os anos escuros, nas que falaba sobre a eiva da memoria histórica para enmarcar «esta merecida homenaxe colectiva que recoñece unha traxectoria de vida e compromiso».

Pola súa banda, Xosé Luís Franco Grande conduciu aos asistentes nunha afable viaxe dende dentro cara a fóra e de onte a mañá para chegar ao crer e crear. O fillo predilecto de Tomiño puxo en valor o home como «feitío da terra e do corpo». Coordenadas coas que el mesmo se situou no Val de Tebra, na súa infancia, esa que como plantexou Rilke, «é a patria verdadeira do ser humano».

Franco Grande fixo un novo chamamento á reconstrución polas crenzas. «Para crear hai que crer, pero para crer hai que saber e coñecer», sinalou. Hai camiño para andar porque «cremos pouco e, polo tanto, non creamos nada». O escritor e académico expresou a súa confianza en que «é posible devolverlle a identidade e o orgullo a este país». O homenaxeado falou tamén de moitos nomes propios. Das súas dúas fillas, xenros e os seus catro netos, e da súa defunta dona, Marián: «Sería realmente moi feliz hoxe, rodeada da que foi a maior ilusión da súa vida, a súa familia».

Entre os asistentes ao acto estiveron Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Villares, Carlos Varela, Xosé Manuel Beiras e Teresa Conde-Pumpido.