Batallán e Os Amigos dos Músicos, unidos polo «Maio»

a. s. REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

CARMELA QUEIJEIRO

Este domingo ofrecerán un concerto conxunto

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1975 Luis Emilio Batallán acadou co seu disco Ahí ven o Maio un fito dobre: non só publicaba un álbum cantado enteiramente en galego, senón que chegou a vender máis de 500.000 discos. A súa influencia, igual que a da poesía de Curros Enríquez, cuxos versos musicara, non rematou aí, senón que foi reivindicada pola xeración actual de grupos da escena galega.

Dentro deste panorama, Os Amigos dos Músicos son o grupo que quizá reivindicou dun xeito máis claro o legado de Batallán. Non en van abren moitos concertos coa súa harmónica e eléctrica versión de Ahí ven o Maio: unha adaptación para este novo século.

Xa que logo, era cuestión de tempo que cantante e grupo coincidisen nun escenario. Ofrecerán un concerto conxunto este domingo en Santiago (Teatro Principal, 20.00 horas), dentro do ciclo Compostela Conversa. Os Amigos dos Músicos veñen de gañar un dos premios Martín Códax e de editar o seu primeiro disco, que inclúe a súa versión do Maio. Deste tema, de Curros Enríquez e da vixencia do álbum de Batallán falarase na actuación, na que ademais o propio cantautor presentará temas do seu último traballo, 70 y 29. O esquema do concerto será unha conversa inicial, seguida das actuacións. As entradas poden mercarse na billeteira do teatro, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com