«No concerto hai un diálogo entre música e banda deseñada»

La Voz

SANTIAGO

Javier Rodríguez

A nova banda Berlai estréase cunha actuación que incluirá ilustracións en directo de Ernesto G. Torterolo

30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

21.30 horas • Sala Riquela • 10 euros • Berlai debuta hoxe. A banda liderada polo compostelán Xiao Berlai, que formou parte de Fía na Roca, presenta o seu primeiro traballo, Desconhecido, despois de presentar hai unhas semanas o seu primeiro cedé-banda deseñada, con un cómic elaborado por Ernesto G. Torterolo. Despois deste concerto, haberá que esperar a xaneiro para volver a velos.

-Cales son as sensacións a unhas horas do estreo?

-As sensacións con este traballo son moi boas, porque está respondendo moi ben a xente que o le e o escoita. E respecto ao concerto, estamos un pouco con nervios porque é o primeiro con debuxos ao vivo de Ernesto. Estamos moi ilusionados.

-Esa combinación de música e banda deseñada en directo é a maior dificultade?

-Si. Ernesto é a primeira vez que se enfronta ao tempo e iso para un artista plástico é complicado. Se unha canción dura 3-4 minutos, ter que facer un debuxo nese tempo, é un reto moi grande. Nos ensaios está funcionando ben. Non pode facer a banda deseñada completa, pero si que hai diálogo entre música e imaxe, hai narración entre ambas. Iso é o que nos interesa, crear unha narración entre música, texto e imaxes.

-Por que decidiron levar ao directo os debuxos?

-Non atopamos ningunha experiencia igual de banda deseñada con música e que dialoguen entre as dúas. Hai algún cómic con música, pero non que dialoguen entre ambas linguaxes. Pareceunos algo novo e decidimos que iso non o podiamos perder nos directos de Desconhecido. Entón, Berlai poderá funcionar como un proxecto máis cinematográfico ou como unha banda máis estándar, como será nos festivais, nos que os tempos son diferentes.

-O traballo «Desconhecido» nace no ano 2010.

-Si, o seu nacemento foi fortuíto. Morreu o meu tío-avó e eu que nunca compuxera textos propios cantados -en Fía na Roca centreime na música instrumental-, cando vin do tanatorio, collín a guitarra e fixen o primeiro tema do disco. Pero fíxeno sen pensar en crear unha historia sobre a súa vida. Despois, quedou aí e non volvín a compoñer nada con letra propia ata tres anos despois, cando me apetecía probar cousas novas. Cando tiña tres ou catro temas pensei que, facéndolle algúns cambios, podía contar a historia do meu tío-avó. Cando xa tiña bastante músicas compostas, interesábame que a xente se sentara para escoitar, como faciamos nós antes, non que puxera a música como un fondo. Entón, con esa intención falei con Ernesto para facer un álbum ilustrado, pero ao final, vimos que era necesario máis narración.

-Música «indie rururbano». Que é iso?

-Nace da necesidade de poñer etiquetas. Como hai unha mestura de sonoridades buscada, puxémoslle indie. E o de rururbano é porque nos gusta a fricción entre o mundo rural e o urbano.