«O noso coro fixo triplete en Avilés»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A formación coral viveirense Tempus Fugit foi merecedora de tres premios na cita internacional

28 nov 2016 . Actualizado a las 17:50 h.

Escuridá, Benedicimus Deum Coeli, Cantos Asturianos e Camariñas foron obras coas que o coro Tempus Fugit de Viveiro, baixo a dirección musical de Javier Fajardo (Viveiro, 1992), competiu a fin de semana que acabamos de deixar atrás no XXXIII Certame Coral Internacional Villa de Avilés, xunto con outros de Valladolid, Madrid, Ciudad Real e Navarra. A súa participación en concurso foi máis que prolífica. Recibiron tres dos cinco premios que se concedían. E volveron á cidade do Landro, como non podía ser doutra maneira, felices.

-Canto tempo ten este coro?

-Como coro levamos un ano. De feito cumprímolo agora. Pero en realidade empezamos hai catro como coro de cámara de Viveiro. Era un proxecto de varios amigos pero que logo tivo moita repercusión, así que decidimos asentalo como algo estable. Foi cando fixemos a asociación e agora somos o Coro Tempus Fugit.

-Como é a súa composición e o tipo de repertorio que fai?

-Está formado por xente nova, de 18 a 35 ou 36 anos. O noso obxectivo unicamente é gozar facendo música e facer gozar ao público facendo música. En canto ao repertorio que facemos normalmente, música do século XXI de compositores vivos e tendo a sorte de telos moi bos na zona norte de España. Por exemplo Julio Domínguez, galego de Ponteareas, que para nós é un referente e co que traballamos o ano pasado. De feito, un dos premios que levamos en Avilés foi por unha obra del. Javier Busto é outro compositor.

-¡En Avilés trunfaron!

-O noso coro fixo triplete en Avilés, si. Levamos o primeiro premio dotado con 2.000 euros, o do público que tamén é moi importante para nós porque quere dicir que non so gustamos ao xurado, dotado con 250 euros, e á mellor interpretación dunha obra asturiana que foi a que compuxo Julio Domínguez, Cantos Asturianos. Para min foi moi especial porque estiven estudando en Asturias cinco anos. Vexo que o que estudei aló serviume. De cinco premios levamos tres e non é moi habitual que nun concurso o fallo do xurado coincida co que decide o público. É moi importante que á xente lle gustara.

-E sendo tan preto da casa...

-Como curiosidade, no resto de España pensan que son de Asturias pero non, eu son de Viveiro. Os amigos que teño fóra de Galicia pensan que son asturiano.

-Nada... que calquera día vexo a Tempus Fugit nalgún «La Voz» edición coros. Todo pode ser...

-(Ri) Pois se o fan, iríamos.

-Cre que hai cultura de coro entre a xuventude?

-Precisamente convencín á xente a que viñese a probar no coro o que era cantar. Creo que existe un descoñecemento deste mundo, do que pode aportar en conxunto non só musicalmente senón emocionalmente e a nivel social. Grazas a isto, os membros descubriron esas cousas e están enganchados. Outra xente asóciaos a xente maior ou aos parroquiais. Iso ten que habelo pero queremos atraer á xuventude...

-Escoitar algunha peza en particular cantada por un coro, a min tenme posto os pelos de punta.

-No concurso pasounos algo similar, que ten relación co obxectivo deste coro. Na última canción decidimos levar unha peza que todo galego coñece, Camariñas, e nos últimos compases a xente do coro estaba chorando. Ao rematar dixeron que lles daba igual o premio porque todo iso que sentiron xa mereceu a pena...

-Calquera pode valer para coro?

-Calquera podería valer, si. Temos xente que nunca estudou música e ten unha voz moi boa pero sabe escoitar, que é a clave.

-Actuarán por Nadal?

-Este mes fixemos concertos en Ortigueira, Ferrol, Avilés e Viveiro. Por iso decidín non facer este ano o Nadal, aínda que estamos agardando a ver se se fai un concerto benéfico ou non.

-Nas festas non farán máis que pedirlles cantar na casa e nas reunións familiares, non?

-Bueno, a verdade é que no Nadal case non paramos de cantar panxoliñas...

Felicitación institucional do Concello de Viveiro

O Concello de Viveiro felicitou a través dunha nota de prensa ao coro Tempus Fugit polo seu éxito en Avilés. "Reiterar a noraboa a esta xove agrupación coral creada o pasado ano e dirixida polo viveirense Javier Fajardo, que co premio conseguido por partida triple trae a Viveiro o recoñecemento cultural neste eido", di o comunicado.