«A música tradicional ten que ser un ser vivo que evoluciona»

La Voz

A MARIÑA

quempallou

O grupo é un dos cabezas de cartel da cita de Clan e do Concello de Cervo

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezasete anos xa de percorrido musical en Galicia. É Quempallou, un dos expoñentes da música tradicional galega que mañá actuará en San Cibrao e o vindeiro 6 de agosto en Ribadeo, defensores da festa máis enxebre con compromiso social.

-Outros compañeiros de estilo musical, Os Cempés, tamén estarán o día 30 en Ourol.

-Con Cempés temos coincidido no Festival de Ortigueira. Fora no 2004. Compartimos a mesma visión da música, da raíz e do tradicional pero poñemos o noso toque persoal, tanto nas composicións como cando tiramos de temas tradicionais. Iso si, sempre intentando actualizar a música tradicional porque cremos que ten que ser un ser vivo que evoluciona.

-Novo disco, Quarteirón, pero aínda so en formato dixital.

-Si, e de 3 en 3 temas. O proxecto final son catro Quarteiróns que comporán un disco completo de 12 temas que editaremos en formato físico.

-¿Peligra ese formato?

-A verdade é que cada vez se fan tiradas máis pequenas en físico pero hai xente que nos leva seguindo hai tempo e ten o gusto de ter nas mans o disco. Tamén hoxe é difícil acceder ás canles de distribución e o normal é que un disco físico se venda nos concertos. Ao acabar nós sempre hai quen nos pide un cedé e asinado, ademais como un recordo daquel concerto.

-O último disco que mercou.

-Estou totalmente dixitalizado pero creo que foi tamén nun concerto. Coas redes sociais chegas a máis xente e a algunha que ao mellor non te escoitaría se non fose por ese medio. É algo máis fluído.

Hoxe • A partir das 20.00 horas • Bares e Praza dos Campos • Nordestía Foliada, baixo a organización da Asociación Clan e o Concello de Cervo a través da delegación de Cultura, inicia hoxe a súa andaina en San Cibrao para facer vibrar á localidade cervense esta fin de semana ao son da música tradicional. Neste primeiro día haberá cantos de taberna nos seguintes locais: A Bodega, O Noso Lar, O Faro, Trasgo, Chiringuito de Cubelas, El Puerto, Bar da Praia CIT, Telvi’s Place, Pedregal, Titas, Mesón da Ría, Bruno’s, Nordesía, O Encontro e Camarote. Logo actuarán Pelepau (00.00) e Cuchufellos (01.30).

Mañá • Dende as 12.00 • Bares e Praza dos Campos • A segunda xornada ofrece sesión infantil con Cé Orquestra Pantasma e sesión vermú polos bares. Cara á noite será o momento da Foliada (21.30) e das citas musicais con Quempallou (23.30) e Ultraqüans (01.30). Haberá bolos preñados.