Luxoso cóctel de literatura e música para descubrir os elefantes de Riveiro

BARBANZA

A nova novela do limiao afincado en Boiro espertou unha enorme expectación

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A familia Barbantia é grande en todos os sentidos. O venres estaba convocada na Estación Leña Verde de Boiro á presentación do novo libro de Antón Riveiro Coello, presidente fundador da entidade, e non defraudou: encheu o local para descubrir Os elefantes de Sokúrov. Previamente, Xosé Neira Vilas foi lembrado por Manuel Cartea e Víctor Freixanes, quen chegaba procedente de San Domingos de Bonaval, onde se velaba o cadaleito do pai literario de Balbino, o neno labrego que non era ninguén e que tanto é nas letras galegas.

Freixanes sinalaba a capacidade de Neira para concitar e conciliar, para mobilizar e xuntar amigos «e niso parécese a Antón Riveiro Coello, quen hai tempo que me gañou polo seu carácter». Neste eido, lembrou que no mesmo escenario xa estivera na presentación da anterior novela do limiao, Laura no deserto. De seguido, identificouse con Barbantia, entidade que lle causa admiración e da que se sente partícipe, ata o punto de que xa leva presentadas varias das súas obras ao amparo do colectivo.

Destripando a obra

Despois da lembranza de Neira Vilas e as sabias verbas de Freixanes, Manuel Cartea empezou a súa labor de destripar Os elefantes de Sokúrov instando respostas do seu autor. Preguntando polo título, Riveiro explicou que o nome do director ruso Sokúrov inspiroullo unha das súas películas que lle recomendou Gonzalo Trasbach e que o deixou abraiado. Os elefantes, pola súa banda, están na vida da protagonista, Janis, e elixiunos polo seu significado metafórico de animais sólidos, intelixentes e ameazados.

Cartea sinalou que a obra está ben estruturada, pero confesou que lle sorprende o final, ata o punto que cando a revisou en borrador propuxo a Riveiro que o repensase. O autor respondeu que non lle fixo caso «por vagancia», e admitiu que cambiou algo a instancias do editor.

Falaron da portada, que foi iniciativa da editorial. Riveiro explicou que sempre lle gustaron as portadas que fai Galaxia. Esta, ademais, ten algo semellante ás películas de Sokúrov, que pinta os celuloides, e a imaxe da capa do libro está tamén pintada.

En primeira persoa

Como xa ocorrera en Laura no deserto, os protagonistas de Os elefantes de Sokúrov exprésanse en primeira persoa. Riveiro explicou que repetiu o método porque lle funcionou na obra anterior e permite ao lector ir construíndo a historia.

O libro inclúe unha homenaxe do autor a Santiago, a través de escenarios como a praza de Cervantes e a cafetería Gramola, o Ensanche e ata O Pombal, barrio que aparece como enlace ao mundo da prostitución e o debate sobre a súa regularización ou prohibición. En todo caso, Riveiro apuntou que para el Santiago «é máis que relixión e Camiño, Santiago ten algo especial».

A obra transcorre en plena crise. O autor inclinouse por este escenario para coller o problema polos cornos e como protesta por unha situación que convida a marchar a unha das xeracións de xoves mellor preparada da historia: «Janis foi unha excelente estudante que ten que traballar coidando cinco vellas nun piso da praza de Galicia. Non aspira a ter coche, nin a hipotecarse, nin sequera a ser nai; sen embargo, representa a esperanza, porque ten vontade de cambiar».

O diálogo entre Cartea e Riveiro deu pé a divertidas confidencias que o público agradeceu, así como a evidenciar a sinxeleza e a proximidade dun autor que é profeta na súa terra adoptiva, o que enche de orgullo mesmo ao alcalde que expresou a súa satisfacción por ter ao autor entre os seus veciños.

Si interesante foi o diálogo, o peche foi sublime. Sonia Lebedynski subiu ao escenario para interpretar dous temas, ambos acompañados polo propio Riveiro Coello á guitarra. O primeiro, Limaiaé, que xa cantaran hai dez anos, cando se presentou o libro de poesía co mesmo título, unha homenaxe do autor á súa terra; e o segundo, Unha viaxe astral, canción que formará parte dun novo traballo da cantante, unha asombrosa e espectacular voz que mereceu longos aplausos do numeroso público que asistiu a un acto inesquecible.