Heredeiros cacarexa na volta ao galiñeiro

BARBANZA

O público foi un integrante máis dunha das bandas de «rock and roll» máis importantes de Galicia.
O público foi un integrante máis dunha das bandas de «rock and roll» máis importantes de Galicia. M. creo< / span>

Duascentas persoas abarrotaron unha Pousada das Ánimas que firmou un aforo completo

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Volta aos jaliñeiros estase convertendo nunha xira chea de éxitos. Os Heredeiros da Crus están firmando aforos completos en tódolos concertos. Non hai un oco máis, só paixón desbordada e un público entregado que se repite en cada cita. Este mesmo escenario viviuse o venres nunha Pousada das Ánimas que tivo que colgar o cartel de «todo vendido» ás poucas horas de poñer as entradas en circulación. Coma o viño, a banda liderada polo fillo da Necha mellora cos anos: o rock and roll nunca morre.

O respectable esperaba ansioso a chegada dos seus ídolos. Xente de tódalas idades, dende adolescentes a vellos rockeiros, o que indica que os Heredeiros conectan agora coas novas xeracións como fixeron a mediados dos noventa. Á saída, os gritos convertéronse nos primeiros acordes do espectáculo. Un Fran Velo que xogaba na casa avivaba a chama da paixón no público, ao igual que Tuchiño, que se lanzaba á guitarra. Maneiro saudaba aos fans e nese mesmo momento arrancaba o primeiro tema dun concerto que se alongou máis aló das dúas horas.

Angelito pastillero foi a canción elixida para romper o xeo. Funcionou como un volcán e as primeiras filas caeron rendidas ante unha das bandas de rock and roll máis importantes de Galicia.

O nivel mantívose en todo momento e o público viviu unha noite única. Coa xente máis preto dos músicos, os Heredeiros conseguiron recuperar a alma dos seus inicios, cando a simbiose cos fans era total. A sala boirense converteuse por instantes nun recordo dun pasado que alzou ao conxunto ao olimpo.

Non faltaron os temas míticos como Pastor alemán, Operasión champú (con desmelene e lanzamento de suxeitadores, calzóns e tangas incluídos) e Mari-Juana. O primeiro clímax chegou con Que jallo é, un dos temas máis cantados durante a historia dos Heredeiros e que, como acostuma o fillo da Necha, acompañou co lanzamento de millo. A Chaqueta de lana, o Stairway to heaven galego, baixoulle unha marcha de velocidade ao show e os chisqueiros bailaron entre as mans dun público que acompañou cada palabra dunha canción que é unha das favoritas dos fans.

Un final redondo

Fixéronse de rogar os Heredeiros, pero os himnos tamén soaron na Pousada. Con Alabaré e De jalisia o estranxeiro parecía que Javi, Toñito, Tucho, Fran e Manu dicían adeus a Boiro. Faltaba O fillo de José, que a banda cantou a viva voz e man a man co público. Momento máxico para os vellos fans e para os novos, que comezaron a comprender os motivos que levaron a Heredeiros a conquistar os ceos.