Os compositores galegos estrean máis de 20 obras en catro concertos

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

O ciclo comeza hoxe na Coruña e seguirá en Santiago, Pontevedra e Ourense

12 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«En Galicia estase compoñendo moito e cun nivel extraordinario». Isto dicía onte Xavier Comesaña (Alemaña, 1968), novo presidente da Asociación Galega de Compositores. A entidade, da que forman parte uns corenta autores, iniciará hoxe, no Museo de Belas Artes da Coruña, un novo ciclo dos concertos que promove «para defender a nosa música, a que se está facendo desde Galicia». Serán catro actuacións nas que terá lugar a estrea «de máis de 20 obras de autores galegos», anuncia Comesaña, director ademais do Conservatorio Profesional de Música da Estrada e tamén da Banda Municipal deste mesmo concello.

O concerto do 11 de decembro será na instalacións da Fundación SGAE, «que está apoiando de forma moi importante este ciclo, e por iso escollemos a sala que ten en Santiago para o concerto», indica Comesaña. A programación deste ciclo, a 19.ª edición que organiza o colectivo de compositores, seguirá o 20 de febreiro do próximo ano no teatro Principal de Pontevedra. A actuación de Santiago estará a cargo dun quinteto de corda e a de Pontevedra dun de metais, Hércules Brass. «En Galicia hai moitísima traxectoria de musica de vento, de metal, de vento e madeira...», salienta o presidente dos compositores. O último concerto será no Liceo de Ourense, o 23 de abril. «Xa sabemos que quedan outras cidades, como Lugo ou Vigo, nas que xa se fixo outras veces. O que intentamos é que a música circule por Galicia», explica Comesaña.

No concerto de hoxe, ás 19.30 horas, no Museo de Belas Artes da Coruña, actuarán diversas formacións de música de cámara que estrearán obras dos compositores Juan Durán (ata agora presidente dos compositores galegos e que estrea Suite para fagot e piano), Jesús González (Gregorianus Guitarra), Manuel Alejandre (Preludio e danza galaica, Devaneio e Danza española), Eligio Vila (Plácido amencer), Israel Alonso (Viobach, estudio número 1), Julio Montero (Kumbh Mela) e Margarita Viso (Scherzo e Muiñeira e Pequenas variacións). Entre os intérpretes estarán os pianistas Santiago Barro e Gabriel López Rodríguez, así como Emilio Espasandín (clarinete), Ángel E. Sánchez Marote (violín), Álex Salgueiro (fagot), Jorge García Rojo (saxo) e Ignacio Fernández (bombardino).

Este conxunto de autores e intérpretes é un exemplo do que debe ser o principal labor da asociación: «Dar a coñecer a obra dos compositores, defendelos e que a nosa música se teña en conta». Ademais, as obras que se estrean, «despois, póñense a disposición do repertorio de formacións profesionais», indica. Outra das vantaxes desta tarefa é que axuda a corrixir «esa sensación de que a parte docente dos conservatorios está desligada da creación; por iso é importante escribir música para que forme parte do programa didáctico, para que se poida levar á vida cotiá».