Os ferreiros fan ao público partícipe da súa arte

La Voz

LUGO

O repleto programa de actividades inclúe obradoiros, demostracións en vivo e animación teatral e musical

14 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

nombre cargo

Riotorto volverase converter mañá nun escaparate no que amosar ás persoas que visiten o concello as posibilidades creativas que ofrece o ferro. Esta sexta edición da Feira dos ferreiros chega cargada de actividades para público de todas as idades, que ao longo da xornada poderá presenciar demostracións en vivo de diversos artesáns; participar nos obradoiros; disfrutar de actuacións teatrais e musicais; e, por suposto, mercar coitelos, navallas, fouciños e outras pezas feitas polos ferreiros de Riotorto e por artesáns doutras especialidades e procedencias.

Carbón, cerámica e madeira

Dende o mesmo momento en que a feira abra as súas portas ao público, empezarán a sucederse as actividades. Durante toda a xornada están previstos obradoiros de olería de Buño a cargo de Os de Laura; de torneado en madeira, impartidos por Jesús Iglesias, de Ortigueira; e de carbón vexetal por parte do carboeiro Diego da Pasada. Por outra banda, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl será quen coordine o taller infantil de ferro (ás 13.00 e ás 17.00 horas).

As demostracións en vivo protagonizaranas ferreiros de Riotorto e da Fonsagrada, así coma o compostelán Alberto Leis e a empresa pontevedresa de forxa artística Enforjarte (ás 12.30 e ás 17.00 horas).

Non faltará nesta feira a animación de rúa, con dous espectáculos: O cego e o lazarillo, da compañía A boneca lareta (13.00 e 17.00), e Buqueiras, con Volta e Dálle (13.30 e 18.00). Por último, os encargados de poñer a música serán a charanga Aires do Padornelo, de Mondoñedo, que ofrecerá pasarrúas en horario de mañá e tarde; os gaiteiros e o coro parroquial de Riotorto, que tocará ás 12.00 durante a inauguración oficial; e a Banda de Sober que porá o peche musical ás oito da tarde.