«Rasa Loba é como o Cometa Halley, pasa unha vez cada 70 anos»

Álex Rodríguez Rey

DEZA

O ex compoñente de Heredeiros da Crus Tonhito de Poi pretende que o seu público disfrute de cada concerto coa súa banda cañera como se fose o último

12 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Ageitos Ares, máis coñecido como Tonhito de Poi, actuará hoxe en Agolada e o venres en Rodeiro. Este artista polifacético comezou a súa carreira musical con Heredeiros da Crus, un grupo irreverente que fixo do rock da costa case un himno para unha xeración. Despois de 12 anos á fronte desta banda, creou un novo grupo musical xunto a músicos galegos e portugueses. Na actualidade emprendeu un novo proxecto chamado Tonhito de Poi e Rasa Loba, con Tonecho España, Poni e Hugo Machado.

-É a primeira vez que actúa na Comarca de Deza?

-É a primeira vez que actúo en Agolada e en Rodeiro, pero recordo que xa ofrecín algún que outro concerto con Heredeiros da Crus en Vila de Cruces e Lalín. Sen embargo, aínda que sexa a miña primeira vez neses dous municipios, tamén quero que a xente sexa consciente do momento tan marabilloso que van a vivir.

-Moita xente, cando escoita falar de Tonhito de Poi rapidamente se lembra de Heredeiros da Crus. Por que crees que a xente o sigue asociando con este grupo despois de tanto tempo?

-Eu son o primeiro que se sinte un heredeiro máis. Estou moi orgulloso dos anos que pasei á fronte desta banda. Creo que a xente todavía me segue identificando con Heredeiros da Crus porque foi un grupo de música que marcou un antes e un despois.

-Existe algunha diferencia entre Heredeiros e Rasa Loba?

-A miña actual banda é máis metal e menos rock. Podería dicirse que é un grupo de música duro e afiado como un diamante. En Heredeiros o sacho era un instrumento imprescindible, pero era un sacho que non estaba afiado. Eu diría que Rasa Loba é un grupo máis maduro, aínda que o termo maduro non me guste demasiado.

-En moitas entrevistas defínense como unha manada de cans que sobreviven no monte, e que son fillos de paz e amor, da risa, da mentira, da marabilla e da falta de pasta. Por que esta definición?

-Porque somos de raza loba. Mellor dito, somos fillos das circunstancias que nos rodean. Sempre escoitei que hai dous tipos de cans: o can de palleiro resignado a vivir atado a un pexegueiro toda a súa vida e o can de raza loba que se cría no monte en manada. Pois ben, nós somos de raza loba porque cada un de nós é dun sitio diferente, e foron as circunstancias as que fixeron que nos xuntáramos. Ante todo, somos un grupo cañero que o que busca en todo momento é que o noso público desfrute cada concerto como se fose o último.

-Falaba de concertos. Que tal a axenda musical para este verán?

-Pois sendo sincero, non nos podemos queixar porque estamos tendo bastantes actuacións. De feito, para este mes de agosto tamén estaremos o 21 en Gondomar, o 22 preto de Ribadeo e o 29 en Carnota. A nosa finalidade é facer directo ata que escachemos, incluso gravar cousas en directo, pero polo de agora, o feito de facer un disco non está entre as nosas prioridades.

-Cal é a fórmula secreta para que o público os queira a vostede e aos seus grupos?

-Creo que ante todo o público me ve tal e como son. Pódese dicir que Rasa Loba é como o Cometa Halley, pasa unha vez cada 70 anos.