Das misas aos furanchos

VIGO

GUSTAVO RIVAS

Crónica | A segunda romaría do ano Bembrive festexou onte a súa devoción polo Santo Blas, para uns intercesor dos males de gorxa, e para outros unha boa escusa para a troula máis terrenal

03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

«O que faltan son gaiteiros», dicíalle un home a outro, mentres as campás da igrexa de Santiago de Bembrive repicaban á saída do Santo Blas e o Señor Santiago. Referíase o home a que as numerosas peñas actuais non teñen tantos músicos como as de antes, aínda que xente teñen de abondo, inmigrantes incluídos. É o Santo Blas de Bembrive, unha cita que onte, ao coincidir en sábado, botou por fora. Non faltaron nin os políticos. «Corina te deseo lo mejor», gritáballe pícaramente outro home á alcaldesa que contiña o seu sorriso na miniprocesión que fan as imaxes do Apóstolo Santiago e San Blas ao redor da igrexa. A romaría é dunha cor u outra según o sitio onde un se poña. Perto da igrexa escoitase ao cura e os seus feligreses loar a Deus, como se fosen muecíns musulmáns, aínda que neste caso, cunha voz esaxeradamente afectada, Non moi lonxe dalí, un grupo de músicos puñan a dar saltos aos clientes dun dos vinte furanchos abertos para celebrar a festividade. Alí todo era moi daquí, da terra. As tazas de viño do Condado custaban ¡un euro, e as racións de cacheira, seis euros! ¿É que non hai un garda? Festa, que non pare a festa. «Que viene, que vine», corean varios cando atisban a procesión. ¡Home, Alfredo Rodríguez! o alcalde de Nigrán, tamén por eiquí, supoño que coma todos, a bendicir a súa gorxa. Porque Santo Blas é milagreiro e son moitos os que lle pasan o pano ao santo para curar ou evitar as enfermidades da gorxa. Outros, menos píos, van na procura de troula, troula como a de antes. Xente a esgalla A cousa non é doaba. Hai máis xente que nunha manifestación do metal, e é máis difícil de atopar aparcamento que cando xogaban no Celta Mazinho e Mostovoi. «Que non poden pasar, home, que non hai sitio onde aparcar», dicía xa desesperado un municipal tantas veces coma coches pasaban pola rotonda de entrada a Bembrive. ¡Xa ten que ser aburrido dicirlle o mesmo a mil persoa! Para divertido, o paso da procesión. O digo pola música. E pola cantidade de pelo enlacado que pechaba a comitiva. E polo concelleiro Coello, tan locuaz as veces, e tan comedido outras. Ademáis, si que son valentes os de Bembrive, home. Cando en medio mundo amedrántanse ante a posibilidade de amolar aos musulmáns, eles, cun par, airean o seu Matamouros sen medo ningún. Tamén houbo onte a tradicional puxa. A subasta de carne a prol da parroquia. En calquer caso, a romaría de Santo Blas é un espectáculo que non debería perderse ninguén, aínda que unha muller laiábase de que nese día xa non contaba co seu home. E si que é certo, que as peñas están compostas maioritariamente por homes, como case que sempre foi. Se Santo Amaro abre a tempada relixioso-festiva con romarías como a de Matamá, as Candelas e Santo Blas afianzan o calendario espiritual, pero tamén supoñen un quecemento para aqueles que xa preparan a troula do entroido. Estes, foron os derradeiros en saír dos furanchos. E iso que non varreron.