O pintor Francisco Miguel é homenaxeado en Bértoa

La Voz

CARBALLO

FIGURAS NA MEMORIA Hai 64 anos que foi asasinado e enterrado no cemiterio da parroquia carballesa Hoxe, as sete da tarde, no cemiterio de Bértoa (Carballo), representantes da Asociación Coruñesa de Artistas Virtuais, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Agrupación Cultural Lumieira de Carballo renderemos unha homenaxe ao pintor coruñés Francisco Miguel, cruelmente asasinado hai 64 anos _na noite do 28 de setembro_ polo fascismo levantado en armas.

27 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Miguel naceu no número 4 da coruñesa praza de Ourense e con só vinte anos tiña ao seu cargo a Librería de Arte, emprazada na Rúa Real número 8. Membro da tertulia do café La Peña e colaborador das revistas Casa de América e Alfar _desta última director artístico_ o pintor coruñés, axiña conectado coas vangardas europeas e americanas, residirá por espacio de sete anos en México e voltará a Galicia no ano 1935, instalándose coa súa muller _a tamén coruñesa Syra Alonso_ Brufau_ e fillos na localidade de Santa Cruz de Oleiros. A obra plástica de Francisco Miguel, recentemente exhibida en México, Madrid e A Coruña, sitúanos diante dun artista excepcional, debuxante de trazo estilizado, retratista de profunda pegada, atento sempre á respiración da modernidade cando nos conmove coas súas auras de luz mariña en magníficos lenzos de tema coruñés. Ilustrador de poemas de Jorge Luis Borges e de Gabriela Mistral, amigo persoal de Picasso en París e de Alejo Carpentier, León Felipe, Siqueiros e Diego Rivera na súa etapa americana, Francisco Miguel, compañeiro fraterno de Luis Huici, outro artista coruñés tamén asasinado polo seu compromiso coa democracia e coa libertade, é unha referencia inescusábel para todos nós. Enterrado «clandestinamente» en Bértoa despois de ser «paseado», a brutalidade e a saña que rodearon o caso de Francisco Miguel convérteno nun símbolo particular da Galiza Mártir. Ao igual que ao poeta e cantante chileno Victor Jara, ao pintor coruñés, a quen tamén lle fenderon a cabeza, fóronlle amputadas as mans: os bárbaros odiadores da intelixencia mutilaron os membros do artista que eran capaces, xunto co seu cerebro, de iluminaren as formas da vida e da beleza. Hoxe, no cemiterio de Bértoa, as xentes da plástica, pintores e escultores; da literatura, poetas e escritores, xunto ao pobo de Carballo e da Coruña que nos acompañe, renderemos homenaxe a Francisco Miguel, lembraremos a súa senlleira figura e a súa obra artística, o seu compromiso coa democracia e coa dignidade do ser humano. E as flores que alí se depositen por primeira vez na súa lembranza serán semente de recoñecemento e de honra para quen é xa un símbolo que une a todos os homes e mulleres que amamos a xustiza e a liberdade. MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO é escritor. MANUEL FACAL é pintor e grabador carballés. XAN FRAGA RODRÍGUEZ é historiador e autor de varios libros.