«Quixen dignificar o zoco, que non se avergoñen del»

MERCADOS

Elena Ferro no seu taller de Merza, onde tres xeracións da familia de zoqueiros traballan dende 1915
Elena Ferro no seu taller de Merza, onde tres xeracións da familia de zoqueiros traballan dende 1915 miguel souto

Non había cartos na casa para facer Belas Artes e como o taller tiraba, que a fin de contas criárase nel e non facía máis que fedellar cos coiros e as ferramentas, decidiu tomar as rendas dun negocio familiar que ía pola terceira xeración xusto cando o oficio de zoqueiro estaba a piques de desaparecer. Pero Elena Ferro é teimuda e foi quen de que os seus zocos galegos se calcen ata en Nova Celandia.

24 oct 2018 . Actualizado a las 15:59 h.

Naceu e creceu entre os coiros e as madeiras coas que a familia calzaba, desde 1915, aos campesiños que precisaban traballar na terra cos pés secos. Cando Elena Ferro, terceira xeración da familia de zoqueiros de Merza (Vila de Cruces), decidiu deixar de estudar para dedicarse ao negocio familiar, o oficio de zoqueiro estaba a piques de desaparecer.

-Xa o tiña claro de pequena?

-Sempre o tiven claro, a maior parte do meu tempo o pasaba no taller e nas feiras. Ata os 18 anos estudaba e traballaba, porque nos facía falta e porque me gustaba. Somos unha familia humilde e tiñamos o traballo do taller e o de labranza. Tivemos cinco vacas das que se encargaba miña nai e todo facía falta. Somos unha casa maiormente de mulleres; miña nai, dúas tías miñas, e eu. Logo miña irmá Teresa, cinco mulleres e dous homes; meu pai e meu primo Venancio, e todos traballábamos para poder vivir.

-Que dixo daquela a familia?

-Estaban preocupados porque pensaban que non ía ser un futuro bo para min, que era un oficio que estaba morrendo, aínda que traballabamos moito e buscabamos outras saídas como a marroquinería, pero pensaban que non ía poder vivir disto.

-Non pensou en estudar?

-Eu quería facer Belas Artes e oxalá o tivera feito porque o saber non ocupa lugar, pero a carreira custaba cartos e non tiña bolsa e era un esforzo máis. Tampouco foi unha decisión traumática, quedei no taller e pouco a pouco fomos mellorando. Logo vendemos as vacas e miña irmá Teresa incorporouse tamén.

-Supoño que remataría envorcando esa creatividade no negocio familiar, non foi así?

-Si, as redes sociais foron un desafogo moi bo, porque son moi inqueda e aí podo transmitir esa parte creativa e foi moi importante á hora de facer marca, porque ata ese momento eran zocos ou bolsos, pero ninguén se fixaba na marca dos nosos produtos.

-Foi máis importante a presenza nas redes sociais ou a recreación do zoco tradicional?

-Os cambios no zoco tradicional comecei a facelos no ano 1995 ou 1996, e ata o ano 2010, pasaron quince anos, non tiveron éxito ningún; eu ía facendo probas e ía vendo como reaccionaba a xente, e non gustaban. A partir do 2010 fixen cambios na sola, na madeira, e aí empecei a acertar. Teñen que entrar polos ollos, teñen que ser bonitos pero tamén teñen que ser cómodos. E empezamos a usar as peles dos animal print, os estampados de animais e peles con pelo. Daquela iso era novidade. E de aí, do 2010 ao 2013, que foi cando empecei a facer as montaxes no Facebook, a demanda aumentou moitísimo, por iso penso que si tiveron que ver as redes sociais, unha parte máis creativa que a min alíviame e que me gusta. Así conseguimos que a xente diga que é un Ferro e non uns zocos. Facer marca, que é o máis complicado no mundo da artesanía.

-Pensa que foi esa presenza en redes a que urbanizou o zoco?

-A miña intención é que calquera persoa poida usalos, dá igual que sexa de aldea ou de cidade. O que intento sempre é que a xente saiba de onde vén, de onde saíron os zocos, para non avergoñarse do que somos. Pasei boa parte da miña vida vendo como a xente se avergoñaba de usalos e eu nunca me avergoñei de facelos. O que quero é dignificar o zoco, que non se avergoñen del. Dignificar un calzado que estaba a piques de desaparecer. Temos un lema, Feito en galego dende 1915, que foi cando meu avó empezou. O que queremos transmitir é que a xente non se avergoñe nin de usar zocos nin de falar galego.