Patrocinado porPatrocinado por

Sergio López García: «Que haxa discrepancias e certa tensión é bo, quere dicir que a entidade está viva»

f. fernández REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

XAIME RAMALLAL

López deixará a federación a finais de mes, despois de tres anos, para dirixir a organización de produtores de Lugo

16 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sergio López García foi durante os tres últimos anos a man dereita de Tomás Fajardo, o presidente da Federación Galega de Confrarías. Pero, a finais de mes, deixará de ser o secretario da entidade para converterse en xerente da organización de produtores de Lugo e integrante da directiva dos armadores de Burela (Absa).

-¿É un ascenso ou que é?

-[Risas]. A ver, estaba na secretaría da federación de forma provisional, porque o que estaba antes se xubilou e se aveciñaba o proceso electoral nas confrarías no verán do 2014. Non parecía o momento de sacar a concurso a praza. Plantexeimo como un posto provisional e así foi. O de agora non é nin un ascenso nin un descenso, senón un reto importantísimo.

-Deixa a federación ¿con máis frustracións ou satisfaccións?

-Teño asumido que non podemos coincidir en todo, que haxa discrepancias e certa tensión é bo, quere dicir que a entidade está viva. Pero teño a sensación de que a miña labor como técnico non era sempre suficientemente entendida, porque as confrarías son moi heteroxéneas: hainas grandes, pequenas, medianas, outras solo teñen unha modalidade de pesca, unhas son fortes no cerco, outras no marisqueo... Hai distintas velocidades. Eu intentaba darlle dinamismo á organización e nunca me cansaba de dicirlles “hai que modernizar isto”. Creo que axudei a abrir conciencias de que se debe traballar nesa liña, outra cousa é que o conseguira. Pero eu aprendín moito nestes tres anos e fixen todo o que puiden. Por certo, quero que quede un mensaxe de agradecemento porque nunca tiven ningún problema, e as discusións forman parte do traballo.

-Pero ¿foi fácil facer cousas con tanta diversidade e cunhas entidades ao mellor algo politizadas?

-Non creo que estean politizadas, sobre todo desde que as eleccións do 2014 cambiaron a boa parte dos representantes. O que che quería dicir antes era que hai 63 confrarías e, delas, 15 ou 20 teñen unha facturación moi pequena e case non teñen actividade. Neses casos eu creo que hai que tomar decisións e canto antes mellor. Decisións sobre facer algún tipo de fusión, ou compartir servizos, ou integración... As veces que saquei este tema se me miraba un pouco de esguello como dicindo “este busca fusións”. E eu non busco fusións, pero non me importa que haxa menos confrarías si son máis fortes. Hai tamén entidades que teñen que tomar medidas para modernizarse, actualizarse... A confraría é unha entidade que leva moitísimos anos, algunhas cen anos, e se aguantaron tanto tempo seguirano facendo, pero tamén é certo que non é admisible que haxa pósitos que estean languidecendo e non se tomen decisións. Eu intentei mover conciencias para buscar alternativas.

-Ou sexa, que non é fácil convencer a tanta xente.

-Neste último ano fixemos un montón de cousas, un congreso de mulleres, un estudo sobre o polbo, actividades sobre seguridade, sobre comercialización... Nese sentido, voume satisfeito porque axudei a que as propias confrarías e a federación foran impulsoras de proxectos. Pero tamén é certo que non conseguimos que houbera unha postura unánime sobre certas cousas, pero supoño que é algo case imposible. Estariamos falando da Unión Soviética se todos estivéramos de acordo co que di un.

-¿Que logros destacaría logo destes anos?

-No papel da federación como representante de Galicia fóra da comunidade, tamén demostramos á Administración que podemos ser coxestores de plans e poñer uns topes para o xeito, por exemplo. Nese sentido intentamos demostrar que indo da man todos e facendo razoamentos sensatos podemos facer cousas, e non quedar á defensiva para protestar... Temos que darnos conta e valorar que somos unha federación con 15.00 afiliados, e fóra somos moi respectados.

-Por exemplo, na loita contra o furtivismo, ¿se fai o suficiente?

-Os avances nos últimos dous anos son importantes. E creo que a conciencia de todas as confrarías é un feito, e a Administración tamén o ten claro. Igual a sociedade civil non tanto, queda moito traballo por facer.