Patrocinado porPatrocinado por

Recursos pesqueiros e nova gobernanza

María do Carme García Negro DOUTORA EN ECONOMÍA

SOMOS MAR

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No cuarto Congreso da Fundación para o Rendemento Económico Mínimo Sostíbel e Social (FREMSS) debatéronse, entre outros, os problemas da nova xestión dos recursos pesqueiros no marco da política común pesqueira (PCP). Dado que as perspectivas de análise dun problema son tan diversas como posibilidades racionais se aceptaren, intervimos, nun rico debate multidisciplinar, facendo explícita posición de partida, do enfoque e da pescuda realizada para chegar á formulación dunha alternativa en economía política.

A perspectiva empregada foi a dunha investigadora que, desde un lugar que non é o da realidade económica material do día a día, non inmiscida na actividade do sector pesqueiro, non vinculada por intereses materiais a el, é quen de observar o devir da pesca na UE e, por tanto, o resultado económico da política común de pesca. A primeira constatación é que non é boa, nin aceptábel sequera, a xestión dos recursos pesqueiros realizada pola Unión Europea desde que existe a política común pesqueira. Foi recoñecida como unha política fracasada pola propia Comisión. É albo de críticas continuas por parte dos nosos pescadores; é fonte de gasto público -non contabilizado- en creación de organismos e institucións por obrigas legais deseñadas onde nin coñecen nin lles interesa o pescado, só a moeda de cambio do seu control; é así mesmo unha política hipertrofiada en número de normas e, ao final, nunca gozou do grao de aceptación mínimo esixíbel polos directamente atinxidos. Nin sequera son conformes os biólogos e científicos do mar deste lado do océano, a pesar de ter gozado de substanciosas vantaxes de participación en investigacións internacionais.

Se tivésemos que atopar un elemento positivo, referiríamonos exclusivamente ao aspecto financeiro dos fondos para pesca. Mais, como sempre sucede en economía, as relacións de financiamento crean, ao mesmo tempo que capacidade de acción, dependencia. Neste caso deberíamos cuantificar que nova actividade foi derivada dos fondos financeiros da pesca e canta desaparición foi a eles asociada. De feito, semella que a xestión comunitaria dos bens e recursos pesqueiros é identificábel como causante dunha traxedia do tipo anticomúns (Buchanan e Yoon). Nela, estruturas institucionais ultraburocratizadas orixinan uns problemas que conducen á ausencia de explotación ou uso racional do recurso común, mesmo de forma independente das prescricións científicas: o recurso resulta infrautilizado ou utilizado nun subóptimo.

O exemplo do marisqueiro

No noso país, porén, temos realizado unha xestión exemplar dun recurso: o marisqueiro. Como se fose deseñado pola premio nobel Elinor Ostrom, o goberno do ben común «marisco» sóubose realizar coa construción dunha estrutura institucional ex novo para a xestión dos recursos naturais propios, e fíxose de forma paulatina, equilibrada na autoxestión, segura na perspectiva alimentar, coparticipativa e elevada a normas con respaldo de sancións logo de ensaio e erro a pé de ría.

Non precisamos da UE nin de normas farragosas e tramposas. Non foi preciso crear unha policía de praia… O resultado é a existencia dun novo recurso, dun ben que compite no mercado de bens de luxo en fresco e dunha organización social da produción que sostén máis de 6.000 empregos.

Como un caso material é a proba social desexada de que a realidade pode ser mudada, debémonos interrogar acerca da capacidade de cambio social na pesca. Cal é ou debería ser, logo, a nova xestión dos recursos? Pódese pensar nunha nova gobernanza sen cambiar nada máis que os instrumentos de realización da política? É posíbel aspirar a un cambio na xestión nun espazo económico incerto?

A obriga de desembarco dos descartes vénse sumar ás modificacións no hábitat dos peixes (calquera que sexa a causa). A incerteza política esténdese á incerteza de mercado. En fin, se o diagnóstico identifica claramente todas as causas nunha má política, cambiemos a política. Non é unha lei divina a que lexitima a política comunitaria, é obra humana; todos participamos nela, e, de non ser así, deberíamos.

Mentres non chega ese cambio recebemos como un ben público a existencia de organizacións de pescadores dispostos a exerceren os seus dereitos non só como intervenientes senón tamén como interlocutores válidos.