Patrocinado porPatrocinado por

Juan Castiñeira Martínez: «Aprendes a convivir coa toxina»

f. fernández COMBARRO / LA VOZ

SOMOS MAR

RAMON LEIRO

Acostumado como di estar á marea vermella, este bateeiro de Combarro vive angustiado por si ten que volver pechar as súas catro bateas

29 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Castiñeira Martínez e o seu irmán herdaron do seu pai, e este do seu, catro bateas na ría de Pontevedra. Están situadas no polígono Portonovo A, o único desa ría que esquivou, de momento, a nova oleada de verán da marea vermella, pero ¿por canto tempo? Por si isto fora pouco, están ubicadas en zona C por contaminación da auga. É de Combarro (Poio), ten 45 anos, está solteiro e «asustado» por si as biotoxinas volven xogarlle outra mala pasada, como en marzo, cando pecharon as súas bateas durante catro meses.

-En tantos anos de traballo xa saberá como se comporta a toxina, ou non.

-As toxinas son fitoplancto, entran e saen das rías, e teñen un período de vida que se pode alargar máis nunhas zonas que en outras, pero o problema que temos é que non hai estudios serios que digan como funcionan. Antes pensábase que o vento do norte axudaba a limpar as rías, pero agora xa non é así, estamos un pouco na prehistoria. En control somos dos mellores do mundo, pero fáltanos investigar.

-Cando a Xunta di que hai que pechar, ¿está ben feito ou é precipitado?

-Cando di que hai toxina é que a hai, pero teño as miñas dúbidas sobre si hai máis ou menos das que din porque o sistema non é infalible.

-¿As rías pechan agora con máis frecuencia que cando empezou?

-Si, o índice de toxina subiu. É máis, antes había zonas que non pechaban nunca, e agora si. Esta zona sempre tivo toxina.

-Así que aquí sempre foi un abrir e pechar constante.

-Si, pero aprendes a convivir coa toxina, cando gañas cartos xa sabes que tes que aforrar para cando non podes traballar nin vender.

-¿Cantos meses ao ano está sen gañar cartos?

-Unha media de catro ou cinco meses ao ano, e cando empezas a vender de novo temos que esperar un tempo para cobrar, no noso caso, uns cinco meses. É dicir, en dez meses non tes ingresos.

-Pero aínda poderá vivir disto.

-Respirando moi despacio si, pero é moi estresante. Agora estamos abertos, pero estamos angustiados por si temos que pechar. Nunca sabes si vai ser por unha semana, quince días, ou catro meses como a última vez.

-O peor ano foi o 2013, ¿cantos cartos perdeu?

-¡Uf! Unha barbaridade, e este ano está sendo parecido. Déronnos axudas que se cobraron o último día do ano pasado. A nós nos tocaron uns 7.000 euros.

-¿Como lle afecta que as bateas estean en zona C?

-Solo podemos vender para fábrica, conserva ou conxelado, e para pasteurizado, que vai para fresco, pero leva unha cocción. O que pasa é que temos moi limitado a quen lle podemos vender. Por exemplo, agora as fábricas aínda non empezaron a traballar, por tanto hai poucos pedidos. Iso sumado a que o mexillón ten moita cría e hai risco de desplomes polo peso, a preocupación é máxima.

-¿E por que ten tanta cría?

-A ver, o mexillón desova polos cambios de temperatura da auga, e este inverno tivo que ser bastante elevada para que provocara estes desoves fora da época natural. Temos cordas de 12 metros cheas de mexilla pequena, que acaba tupindo ao mexillón vello. No 2013 pasou algo parecido e este verano parece que é algo xeneralizado en todas as rías, hai moitos desoves. Están a cordas totalmente tupidas.

-Vese que a marea vermella non é o único problema.

-Non, pero é o principal, porque non che deixa traballar. Porque si agora pechamos, tal e como está o mexillón, é unha angustia porque non sabes si o vas a ter nas cordas.

-¿E non pensou en vender todo e adicarse a outra cousa?

-Non sabemos facer outra cousa e ademais isto é unha cuestión de sangue. Estamos moi acostumados á toxina, levámola en certo modo con resignación. No fondo me considero afortunado porque me gusta ir á batea.

-¿E aínda se compran e se venden bateas?

-Si, claro. A ver, na ría de Arousa hai unha media de batea e media por produtor, na de Pontevedra é un pouco máis alta. En anos malos, si solo vives da batea, é complicado subsistir e hai xente que decide desfacerse delas.

«Cando traballas e gañas cartos xa sabes que aforrar para cando non podes vender»

«O noso mexillón é o mellor do mundo»

Marea vermella, desplome do mexillón das cordas... E baixos prezos. Jesús Castiñeira pertence á organización Opmega, da que é tesoreiro, que actúa como unha central de compras e, ademais, mantén estables os prezos para os seus asociados. Pero «nos costa sobrevivir».

-¿Teñen un problema como os produtores lácteos que venden por debaixo do custe de produción?

-O noso principal problema somos nós mesmos, que nos gusta ir por libre. En Opmega temos uns prezos e si ao cabo dun tempo non das vendido temos que baixalos un pouco. Vender por debaixo de 0,55 é unha ruína, e hai xente que o está a facer por 0,35 por kilo da calidade máis pequena. Iso non é rentable. Hai moita xente que anda por libre, ao mellor 1.000 bateas, e van ao cocedero e á depuradora a ofrecer mexillón e aceptan o que lles ofrecen porque non son capaces de dicir que non.

-Encima teñen que competir co mexillón chileno.

-Eu non estou en contra do mexillón de fora, pero ten que vir etiquetado para que a xente saiba o que está comprando. Hai bastante confusión agora mesmo. Opmega está no Consello Regulador Mexillón de Galicia, creemos que é unha ferramenta importantísima para defendernos.

-O de fora será máis barato, claro.

-Veunos moi ben a depreciación do dólar porque o mexillón chileno véndese nesa moeda e se frearon un pouco as ventas. Sen embargo, persoalmente creo que nos está gañando a partida.

-¿É igual de bo?

-O noso mexillón é o mellor do mundo, pero iso ten que decidilo o consumidor. O que temos que facer nós é coidar a calidade e as garantías para que a xente siga confiando en nós.

-¿Como distinguilos?

-É complicado, porque o chileno ven conxelado ou en conserva, as salsas danlle outro color.