Patrocinado porPatrocinado por

Un anteproxecto de Lei de Acuicultura en rumbo de varada

La Voz

SOMOS MAR

MONICA IRAGO

Os portavoces de Pesca dos catro principais grupos políticos galegos debaten sobre la Lei de Acuicultura

09 feb 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

O último intento da Administración autonómica por regular un sector clave como é a acuicultura parece que vai quedar varado, como o anteriormente o fixeran o diseñado por López Veiga no derradeiro Goberno de Fraga e o redactado por Carmen Gallego no mandato do bipartito. O de Rosa Quintana está agora paralizado e pola oposición que acadou vai ser difícil chegar a ese consenso que lle daría luz verde.

A oposición desinforma, o Goberno consensúa

É inimaxinable que o equipo liderado por Rosa Quintana impulse unha norma que prexudique aos profesionais do mar. Disto dá conta a experiencia acumulada durante máis de sete anos de xestión, centrada na defensa dos intereses da pesca e do marisqueo galegos, durante os que ninguén puido atoparse unha porta pechada á hora de transmitir as súas inquedanzas, iniciativas ou peticións.

Ata tal punto é así, que hoxe existe un compromiso firme, promovido desde a Consellería do Mar e incluso ratificado polo presidente da Xunta, en sede parlamentaria, confirmado que o Goberno non aprobará unha lei de acuicultura que non conte co respaldo do sector. Mentres os profesionais non vexan que a norma nace precisamente para apoialos, a lei non verá a luz. E, en coherencia con este criterio, a conselleira, en primeira persoa, está impulsando novas vías de diálogo, reuníndose coas confrarías, cos bateeiros, coas mariscadoras, en todos os puntos da nosa xeografía e con todos os sectores que teñan algo que dicir respecto da futura norma.

Hai quen, xogando ao despiste, parece esquecer que o anteproxecto de lei, hoxe retirado, por definición, xa era desde o seu inicio un texto sometido a modificacións. Sometido ás suxestións e alegacións que puideran efectuarse durante o proceso de exposición pública. Pero é que hoxe, incluso, dixéronnos moi claramente que non hai liñas vermellas, nin blindaxes, que todo o seu contido é susceptible de cambio. Non atoparán acción, nin afirmación, máis contundente que esta, mediante a que se confirma que a finalidade da Xunta sempre foi crear unha lei para o sector.

E fronte a un Goberno que busca o consenso, temos unha oposición que desinforma e que actúa cunha hipocresía política sen precedentes. Os seus voceiros demostran que non coñecen o texto, fan interpretacións maliciosas sobre a finalidade da lei ou, incluso, o que máis chamativo, na súa obsesión por criticalo todo, chegan a defender unha cousa e a contraria: como fixo AGE pedindo primeiro e criticando despois os cultivos multitróficos (que mesturan varias especies).

Os profesionais poden telo claro: ninguén quere privatizar o mar. Tampouco ir contra dos mexilloeiros, que sempre contaron coa complicidade e apoio da Xunta como cando, por exemplo, por lei conseguimos poñer os contadores das súas concesións a cero, coa oposición daquela das forzas do malogrado bipartito. Ninguén actúa tampouco contra o marisqueo, fronte ao que se buscou o xeito de darlle acceso a novas axudas europeas. Eles saben que desde a oposición non é a primeira vez que tratan de enganalos.

O Goberno actual escoita e, cando é necesario rectifica, a diferenza de como facía o bipartito. Lembraremos como socialistas e nacionalistas botaron a andar, sen ningún tipo de complexo, o que probablemente era o plan acuícola máis contestado da nosa historia, con 1.047 alegacións. Esta actitude fronte ás críticas mudou: cando hoxe, os profesionais da pesca e do marisqueo galego, varios alcaldes, pediron tempo para buscar un texto que concite maiores acordos, a Xunta actuou abrindo novas vías de diálogo. Hai a quen agora este proceder tampouco lle gusta. Son os que piden á Xunta que escoite ao sector e cando así fai, teñen medo a que poidamos chegar a unha nova lei de consenso e se queden sen argumentos.

José Manuel Balseiro é portavoz de Pesca do PPdG no Parlamento de Galicia.

Un modelo que levou a Galicia a referente mundial

O anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia que dende hai días o Goberno Galego ten paralizado que non retirado, como demanda o propio sector, acadou sen lugar a dúbidas un dos consensos máis amplos que unha norma pode conquerir, aínda que afortunadamente desta volta en contra do mesmo. 

O longo proceso de redacción sempre de costa aos afectados (mariscadores, bateeiros, xentes do mar...), culminou nun texto cun profundo cheiro a Partido Popular. Xa no ano 2012 a conselleira Rosa Quintana marcaba o rumbo, cando prologaba a publicación Acuicultura Multitrófica Integrada, a esencia da aposta de futuro pola sostibilidade, dicindo alto e claro para quen a quixo escoitar que a AMTI sería o modelo do futuro e a formula máis axeitada para aproveitar e optimizar o espazo. Xa que diso mesmo se trata, da ocupación do espazo para producir, neste caso do domínio púbico marítimo-terrestre.

O texto deste anteproxecto o que pretende é cambiar o modelo de raíz, un modelo ineficaz e precario que emprega moita man de obra pero produce pouca rendibilidade en palabras do director xeral de Pesca, Juan Maneiro, por outro moito menos intensivo en man de obra pero con maiores niveis de rendabilidade, ollo para o promotor da iniciativa acuícola non para a colectividade.

No PSdeG defendemos o modelo actual, certo é que se poden mellorar cousas, pero este modelo ten levado a Galicia a se convertir nun referente a nivel mundial na produccion de mexillón, e a ter unha marca de calidade propia nos productos da baixura e do marisqueo, e defendemolo tamén porque ten contribuido ademais de xeito decisivo ao desenrolo económico e social das vilas costeiras deste país, cunha distribución da riqueza bastante horizontal dando traballo a milleiros de persoas.

O modelo proposto polo Partido Popular é sen dúbida a antítese, pretende a acumulación das zonas de producción en tan só uns poucos, deixando aberto o camiño para que calquera entre na loita pola ocupación do espazo que deixará de ser autorización e pasará a ser concesión administrativa. 

É certo que o texto marca a prioridade  para  ás agrupacións e colectivos do sector que den o paso e se convirtan á activiade acuícola ofrecendo coma un  caramelo a posibilidade de acceso ós  fondos europeos pero entrando sin lugar a dúbidas na xungla da competencia con grandes empresas onde os criterios de rendabilidade, eficiencia e capacidade económica e técnica serán as variables que a administración vai a ter en conta para otorgar ou suspender unha concesión sobre determinado terreo.

A porta está aberta, o incremento de custos que vai a supoñer para os productores de base o paso á acuicultura con concesión administrativa (tasas, tributos, canons...) fará que moitos deles teñan que abandonar a actividade,e os que non den o paso serán afogados por outras vías como a imposibilidade de acceso a axudas. Esta é a estratexia do Partido Popular, a porta que quere deixar aberta para que nas nosas rías e nas nosas costas poda entrar  o gran capital acuícola.

Agardemos que isto nunca chegue a pasar.

Xosé R. Val é diputado e portavoz de Pesca polo PSdeG-PSOE.

Fin de ciclo

A paralización da Lei de Acuicultura representa o fin do ciclo político da equipa de Rosa Quintana, deixando tocado ao presidente Feijoo. Con este anteproxecto, a conselleira conseguiu unir a todo o sector e logrou o apoio de moitos dos seus alcaldes e portavoces municipais esixindo a súa retirada.

Presentárono no Nadal conscientes de que era a última oportunidade para cumprir o seu programa. Un programa neoliberal imposto dende Bruxelas, que utiliza os fondos europeos para medidas que aceptou o Goberno español e que pasan polo abandono da actividade e o despezamento da flota, pero apoio para a internacionalización da transformación sen vinculación ao país e para que algúns investimentos poidan aproveitar os nosos recursos. Medidas que tiveron contestación nas mobilizacións do cerco, na acampada dos volanteiros, na etiquetaxe do mexillón, na mortaldade do berberecho... Mostrando a faciana dun sector que segue negándose a desaparecer e reclama unha política de dereitos de pesca xusta que permita vivir con dignidade. O combate máis dramático foron os máis de tres meses de acampada do cerco en San Caetano, ao que deixaron ao pairo aducindo que o Goberno estaba en funcións. Dúas semanas despois, ese Goberno en defunción non tiña rubor en aprobar a concesión a Ence-Elnosa por 60 anos, evidenciando para quen gobernan.

Tamén foi significativa a renovación dos pósitos, que trouxo aire fresco e uns patróns maiores máis próximos á xente. Un exemplo témolo na fronte común creada polos patróns maiores de Arousa na reivindicación de medidas contra a mortaldade do berberecho, a contaminación ou o furtivismo. Renovación importante, pero insuficiente, xa que o PP logrou controlar as federacións provinciais e a presidencia da galega.

A presentación da Lei uneu a todos ao comprender que é o instrumento do PP para cambiar o noso modelo por outro que pretende concentrar nuns poucos o dereito de pesca de Galiza pero tamén nunhas poucas empresas a capacidade produtiva dos recursos a través dunha acuicultura intensiva pensada no beneficio, non nas persoas. Foi un tsunami onde todos nos sentimos ameazados e de xeito unido reclamamos a retirada do texto. O movemento foi tan potente que a conselleira perdeu a condición de interlocutora, e puxo en valor as loitas do cerco, da volanta, e a independencia dos cargos nas confrarías. Gañouse unha batalla pero é imprescindible analizar as debilidades a que nos ten conducido este modelo popular e o expostos que quedamos, pois o mar non é diferente do leite, o pequeno comercio ou os estaleiros.

Desta volta, a unidade veu da man da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), evidenciando graves eivas que compre superar, como construír un modelo que de resposta aos problemas do sector: prezos, relacións coa industria de transformación, importacións, dependencia das cadeas alimentarias, DOP, contaminación... É preciso modernizar os modelos asociativos na miticultura, na pesca artesanal e no marisqueo e transformalos en organizacións con capacidade para defender os dereitos, pero tamén para controlar a comercialización e a promoción dos produtos, demandando medidas para ter capacidade de producir semente propia, aumentar os ingresos dos mariscadores, por en valor as nosas marcas e blindar a pesca artesanal e a miticultura como modelo de futuro, de reparto horizontal e sustento das nosas comunidades costeiras. Retos que hai que enfrontar coas nosas mans, pois nunca virá de fóra quen nos solucione os nosos problemas.

Daniel Rodas é diputado e portavoz de Pesca polo grupo do BNG.

Non é acuicultura, é espolio

A destrución dos sectores primarios do noso país forma parte central do programa do Partido Popular. Co lácteo abandonado, a industria en caída libre ou a pesca aferrollada entre o neoliberalismo comunitario e a inutilidade cómplice da Xunta, o último obxectivo do Goberno galego é a acuicultura. Feijoo pretende abrir a costa á explotación salvaxe das multinacionais, sen lle importar que supoña a extinción do marisqueo e a pesca tradicionais e, polo tanto, de todo un modo de vida. O seu instrumento, unha lei de acuicultura redactada á marxe do sector e que a protesta de afectadas e afectados conseguiu, polo momento, paralizar.

Non se pode tratar igual aquilo que non o é. Non é honesto afirmar, como fai a Xunta, que a explotación de espazos marítimos se outorgará en «igualdade de condicións, publicidade e mérito». Porque unha agrupación de mariscadoras non pode competir en igualdade cunha multinacional. A realidade é que máis posibilidades terá quen máis cartos ofreza. E o mesmo acontecerá co sistema de subhasta, que o propio Goberno galego propuxo a Bruxelas incluír na normativa europea. Feijóo quere que Europa faga o que el non se atreve a facer directamente. Este novo modelo de acceso mediante concesión ao espazo marítimo supón, ademais, o pagamento dun canon regulado polos metros cadrados de explotación. Quen poderá facer fronte a semellante gasto, as mariscadoras e mariscadores que moitos meses apenas cobren o custo do seguro ou as multinacionais regadas polos millóns de euros de Bruxelas?

A lei que Rosa Quintana quere impoñer reduce os condicionantes medio ambientais. Elimina os informes de impacto e permite a introdución de calquera especie foránea. De lermos a norma á luz do brutal tratado de libre comercio TTIP, os transxénicos poderán entrar nas rías acompañados dos seus contaminantes, desperdicios, antibióticos... O noso mar converterase nun ermo para as especies tradicionais. E estes transxénicos tamén poden escapar. Alguén parou a pensar o efecto dunha fuga así no ecosistema das rías galegas?

Os riscos aumentan aínda máis porque, segundo recolle o texto da norma, calquera punto na costa ou na lámina de auga estará dispoñíbel para a acuicultura. De existir protección esta poderá evitarse só cun informe sectorial da Xunta. A declaración de interese público supramunicipal das instalacións implicará que os concellos non poidan decidir sobre as expropiacións de fincas. E o aberrante apartado sancionador da norma incrementa a indefensión das traballadoras e traballadores: unha mariscadora que cometa un erro e extraia un berberecho sen talla exponse a unha multa mínima de 3.000 euros; moitas non gañan tanto nun ano enteiro. Ate agora a sanción oscilaba entre os 120 e os 300 euros.

No fondo da estratexia para a acuicultura do PP non hai outro fin que a reconversión do mar. Logo desta lei virá a de confrarías e despois unha «redefinición das funcións das agrupacións de mariscadoras». É dicir, a fin do actual modelo pesqueiro e marisqueiro do país. É por estas razóns fundamental continuar coas mobilizacións e acadar a retirada total da lei de acuicultura, da lei do espolio do noso mar. Porque duns sectores produtivos vivos, sostíbeis e igualitarios depende o benestar das maiorías sociais e a auténtica soberanía de Galicia.

Juan Fajardo é diputado e portavoz de Pesca de Alternativa Galega de Esquerda