Patrocinado porPatrocinado por

«Hai que negociar de novo, o que se fixo é un desastre para a pesca»

M. Rey, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR

Diego Alonso Freire

José Blanco, o presidente da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia, di que a mariñeiros e gandeiros atravésanlles cada vez máis paus nas rodas

05 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariñeiros do cerco de Galicia veñen denunciando con concentracións reiteradas a situación que sofren. Onte manifestáronse en Camariñas. José Blanco é o presidente da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga). Dende a vila do encaixe falou para Radio Voz Bergantiños.

-¿A que se debe esta situación?

-Aos pescadores e aos leiteiros cada día atravésannos máis paus nas rodas. Un desastre. Agora apareceu moitísima anchoa. Hai seis anos fixérase un paro e recuperouse moito. Nós tiñamos esta zona novena [IXa, de Fisterra ao golfo de Cádiz] cerrada á anchoa e xa empezamos a reclamar en febreiro deste ano. Concedéronlle case todo o bocarte para Andalucía, porque antes aquí non había. Pero había un compromiso coas autoridades de que tan pronto aparecese anchoa en Galicia nos ían dar cota. Agora os andaluces agárranse á lei que lles outorga o 98,86 % do cupo. Os que firmaron o reparto naquel momento firmaron a morte. Tiñamos case 600 toneladas aquí na [zona] novena e quedáronnos 54. Esas 54 xa se acabaron en xaneiro, claro. O que lle pedimos a Andalucía e Madrid foi que cumpriran o compromiso aquel, que nos tiñan que dar cota para Galicia. Agora os políticos non o conseguen, ou non queren. Había un compromiso, e se non estivese enriba da mesa, a xente que firmou o convenio non asinaría. Os nosos pescadores non poden pescar anchoas cando as temos na porta da casa. Iso é o que ocorre na [zona] novena. Na VIIIc [Cantábrico], prometéronnos desde Madrid que, tan pronto se acabase o TAC (total admisible de capturas) deste ano, 21 millóns de quilos, nos darían para aquí un 10 % que lle permite Bruxelas quitar do TAC do ano que vén. Só nos deixaron un 5 %. Aos galegos machácannos por todas as partes, por terra e mar. En Bruxelas fixeron unha política desastrosa. ¿Que pasa? ¿Que hai que pechar todo? ¿De que van vivir os pobos traballadores? Imos facer un país de miseria. Se tanto problema ten Bruxelas, que saian dela, xa venderemos o peixe a quen nolo compre. Non nolo compra Europa.

-As cifras de xullo no reparto da cota da anchoa: 6 toneladas ao cerco Galicia e 494 a Andalucía.

-Tocáronlle 6.000 quilos para 155 barcos galegos. É de broma. Estou de acordo con que teñen que pescar andaluces, vascos, galegos e todos os españois, pero todos temos que vivir. Estámoslle dicindo ao Goberno que esta lei hai que volver a cambiala, repartir doutra maneira, pero non hai con quen falar. O único que nos falta é ir a Roma, falar co papa. Co resto falamos. Está tamén o das autonomías: a vasca negociou, e negociou mellor que os galegos. O árbitro ten que ser o Estado. Só nos queda ir aos tribunais, onde sae unha sentencia cada catro anos. ¿De que comemos mentres? A unha persoa ou se lle dá traballo, ou se lle dá diñeiro, ou obrígano a ir roubar. Todo son parches. Onte estivemos en Madrid e a única negociación que temos é que Portugal nos cede unhas toneladas de anchoa a cambio dunhas de sardiña, pero non a temos tampouco. Hai que sentarse todo o mundo e empezar a negociar de novo, porque o que se fixo é un desastre para a pesca.

-¿Teñen pensado endurecer as protestas, como os gandeiros?

-Protestamos xa dende que vimos que estas cotas non chegan a nada, nin para un mes. Nós queremos aguantar a flota porque é a que mantén os pobos. Non podemos permitir que se nos despece. Cando se entrou en Bruxelas xa se sabía a flota que había, pero se os políticos non souberon negociar, que pidan, que esixan e que traballen. É o seu traballo. Parece que só queda sermos criados dos europeos, irlle limpar as casas e máis os xardíns. Daquilo que podíamos sentirnos orgullosos, estánnolo quitando todo. Nin PP, nin PSOE, nin BNG nin nada. O BNG apóianos, pero as solucións non veñen. Queremos solucións, porque imos polo mar abaixo.