Patrocinado porPatrocinado por

«Con 120 inspectores para 7.000 barcos non pode haber esa presión que din»

e. Abuín, s. serantes REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

PACO RODRÍGUEZ

Andrés Hermida, secretario xeral de Pesca, nega rotundamente esa desafección que lle reprocha a flota á Administración

05 jun 2015 . Actualizado a las 12:51 h.

Hai medio mes, os representantes do sector compartiron en Burela unha crítica unánime á Administración pesqueira española. Reprocháronlle a súa «evidente desafección». O venres, o secretario xeral de Pesca negaba rotundamente esa desintonía.

-Pois foi unha apreciación unánime...

-Non comparto para nada que haxa un distanciamento. Nós estamos sempre a disposición do sector. Outra cousa é que, non hai moito, cando estabamos elaborando todo tipo de plans, as reunións eran practicamente constantes e agora non son tan frecuentes. Pero que non as haxa non quere dicir que non exista coordinación. Simplemente non hai problemas graves que fagan que teñamos que estar reuníndonos continuamente.

-A flota di que non quere despezar, pero que todas as trabas que se lle poñen lle levan a pedir a paralización por falla de rendibilidade.

-As axudas á paralización definitiva da actividade son unha medida que conseguimos meter no novo FEMP a petición do propio sector. Nós cremos que o despece debe ser unha opción, non unha obrigación. Certo que hai sectores máis axustados que outros, e estes van ser os que teñan axudas. ¿Que pode haber unha queixa por excesivo control? Eu sempre fago unha reflexión. Temos 120 inspectores para todo o territorio nacional, incluídas as Baleares e as Canarias; hai uns 7.000 barcos operativos e máis ou menos uns 6.000 desembarques diarios. Si facemos unha sinxela regra de tres, vemos que non existe esa presión inspectora. É certo que cando se fai unha inspección e se sanciona a un barco, o armador protesta e é lícito, pero cremos que o nivel de inspeccións é o correcto. E incluso o nivel de sancións, tamén.

-¿Non cre que hai moitas peticións de desguace, sobre todo de barcos novos?

-Hai máis solicitudes de arrastreiros de litoral porque hai unha convocatoria específica en Galicia para esta flota, que en outras ordes non estaba incluída e por iso hai máis demanda. Nós tamén estamos a piques de sacar axudas á paralización definitiva para as flotas afectadas polos plans de axuste en vigor, que son os da pescada norte, o da sur e o atún vermello. Aquel armador que así o decida, pode optar por esa vía.

-Pero esa decisión chega porque non é rendible pescar.

-Temos que ver o que se define por rendibilidade. Nós temos unhas posibilidades de pesca e estou seguro de que si se duplicaran, os problemas ían ser os mesmos. Parece chocante, pero é así. As cotas pódense multiplicar por dez que seguiriamos igual, máis tranquilos e coa flota dimensionada, pero igual. O que temos que facer é algo que é tan fácil de dicir, pero tan difícil de facer como ir ao mar a buscar euros e non peixes. Temos que tratar de mellorar moito a comercialización do peixe para que os barcos sexan máis rendibles. Unha flota na que a maioría dos barcos teñen 10 ou 15 anos, que se construíron coas axudas públicas que anteriormente había deberían ser buques perfectamente amortizados e non deberían ter excesivos problemas de viabilidade.

-¿En qué caladoiros sobra flota e en qué segmentos?

-É algo máis complicado que iso. O informe de capacidade que temos que enviar á UE cada ano nos fai segmentar a flota por esloras e modalidades de pesca. E así se dan curiosidades como que, por exemplo, na flota do cerco son rendibles os barcos de menos de 18 metros de eslora e, sen embargo, os que pasan de esas dimensións, xa non o son. Estes serían os que se poderían beneficiar das axudas ao despezamento.

-Segundo ese informe, ¿onde hai sobrecapacidade?

-Cos datos de desembarques que ten o ministerio, resulta que de 48 segmentos tiñamos 22 en desequilibrio.

-¿Cales?

-En arrastre de litoral temos desaxustes en todos os segmentos de flota, no cerco só nos maiores de 18 metros e tamén detectamos desequilibrios nesas modalidades pesqueiras no Mediterráneo.

«No dos descartes, non vale dicir ?é moi difícil, é moi difícil?, hai prazos que cumprir»

O que máis lle urxe agora ao secretario xeral de Pesca é cerrar canto antes o programa operativo do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) para ver se pode estar aprobado en xullo, ao máis tardar, e poder beneficiarse dunhas axudas que xa levan un ano de retraso. O plan de descartes para a flota que pesca especies demersais é outro dos seus desvelos.

-¿Non é apresurada a implantación da obriga de desembarque para a flota que pesca especies demersais?

-Sabemos os prazos dende que se publicou a nova política común de pesca, o que non se pode dicir agora é que isto non vale. Estamos buscando a fórmula para que a nosa flota saia o menos afectada posible. Primeiro temos que determinar que barcos estarán afectados, que serán os que pesquen unha porcentaxe determinada de pescada, pero queremos que todos se vaian acostumando, porque despois lle tocará a de rape, a de rapante... Pedímoslle ao sector que colabore con nós e nos diga como podemos facer. Non vale dicir «e que é moi difícil, é moi difícil» e non facer nada, porque entón nos da o 1 de xaneiro e temos que parar toda a flota. Sabemos que é moi difícil, pero está en vigor e temos uns prazos que cumprir si ou si.

-¿Como vai solucionar o enfrontamento da flota atuneira e os conserveiros polos continxentes de lombos?

-Nós, valorando as necesidades da industria e as da flota, solicitamos 22.000 toneladas ao 0 %, como nos últimos tres anos. Pero isto non acaba máis que empezar. Estamos pendentes de que a Comisión Europea presente a súa proposta sobre todos os produtos, porque non só van os lombos de atún, vai tamén a pota, o calamar, a anchoa, a pescada... Despois, e aínda que soe infantil, é como un intercambio de cromos entre os membros do Consello e pode saír calquera cousa. No anterior continxente se empezou con 20.000 toneladas ao 6 %, logo 30.000 ao 6 %, e quedaron 20.000 ao 0%. É unha situación complexa, pero me gustaría tranquilizar a todo o mundo. A proposta son 20.000 ao 0% e agora imos empezar a negociar. Como dixo a ministra, non descartamos nin unha baixada nin unha subida, ou non descartamos nin unha subida nin unha baixada, non sei que dicir primeiro para non ferir susceptibilidades. A decisión é comunitaria.

Horarios de descarga para os lusos

Hermida case descarta que a flota portuguesa que faena no Cantábrico acepte amarrar as finais de semana como a española.

-¿Continuarán por tanto traballando con distintas condicións?

-Xa tivemos conversas con Portugal e me temo que vai ser moi difícil plantexar que se apliquen normas iguais aquí e alí. É mellor regular a venta nas nosas lonxas e impoñerlles uns períodos autorizados para desembarcar. Fóra de ese tempo, o que se descargue só poderá ir ás fábricas portuguesas.

-¿Non é significativo que a metade da flota lusa que traballa aquí sexa de armador galego?

-Pero tamén parte da flota francesa e irlandesa ten armador galego... Os pescadores españois son moi intrépidos, xente que sempre está buscando a posibilidade de faenar. Portugal non ten máis cota de xarda que España, pero ten menos barcos. Se aquí tivéramos menos flota, tocaría a máis. Insisto, o desembarque dos portugueses debémolo de controlar con normas de comercialización nas lonxas.

-¿Están preocupados pola anulación do plan do Cantábrico?

-Nós recorremos a sentenza porque cremos que o fixemos ben. Agora o que estamos facendo é refundir as tres ordes e unha corrección de erros que conformaban o plan, incluír algunha modificación máis, como o reparto para o rasco e mandala ao Consello de Estado. En principio, todas as ordes están en vigor. ¿Que pasa se o recurso non é favorable aínda que cremos que non vai ser así? Pois que xa teremos este borrador de orde, que se vai enviar ao sector a semana que ven e esperamos tela publicada para finais de ano con todos os parabéns do Consello de Estado.