O exemplo da concentración parcelaria de Santaballa

Rarmio Geada

VILALBA

27 oct 2016 . Actualizado a las 10:42 h.

Non se expresa nada novo cando dicimos que o rural queda sen xente. Na parroquia cada vez somos menos e xa case non se ven nenos xogando polas airas. Os cultivos que hai tempo daban riqueza xa non renden.

En Santaballa empezou a concentración hai máis de vinte anos.

Primeiro foron tempos de papeis, de falar os veciños entre eles, de atender as necesidades de todos e, aínda que se tardou, ao final puideron verse as parcelas xuntas. As 3.139 hectáreas a concentrar estaban partidas en 11.842 fincas cunha superficie media de 2.650 metros cadrados, que se reduciron a 2.206 parcelas cunha media de 14.229,37 metros cadrados. Nos camiños investíronse máis de seiscentos millóns das antigas pesetas. Non choveu a gusto de todos, pero os máis non tiveron queixa. Os camiños foron substituídos por pistas que dan acceso a todas as parcelas e a todas as casas, a maquinaria pode traballar, as explotacións teñen as parcelas case xuntas, o monte permite ser explotado...

Hoxe agardamos que os máis novos estuden e se modernicen para aportar ideas que permitan explotacións con riqueza de abondo e que eles mesmos vexan no campo un xeito de vida estable e con futuro.