Vilalba

Xulio Xiz

VILALBA

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise que un pertenece ao lugar onde vive máis ca daquel de onde procede. Así eu sería plenamente lugués, por levar aquí cincuenta e dous anos, mentres que en Vilalba só vivín os dezasete primeiros da miña vida. Máis aínda se temos en conta que en Lugo teño familia, amigos; teño feita «a miña vida». Pero eu levo tempo reivindicando a dobre «nacionalidade», que se a cidade bimilenaria atrae e conquista, a «dona da Chaira» que cantou Manuel María, a «fresca e guapa moza» que proclamou Carmiña Prieto Rouco, marcoume para sempre desde o inicio con historias e cantares, verdes de paisaxes e azuis de ceos, lembranzas e amigos inesquecibles que me fan por sempre vilalbés.

Porque os de Vilalba teñen un xeito especial de ser e de sentir, e este domingo ?promovida pola asociación de veciños da Porta de Cima- fixeron comigo tal exercizo de xenerosidade que por moito tempo que viva, e por moito que de meu poida dedicarlles, nunca pagado daría os favores recibidos.

E só poido agradecer a homenaxe nos tres idiomas que aspiro a conxugar axeitadamente: «grazas», no galego normativo; «gracias», en chairego, que a este noso idioma -oficializado por Paco Martín, ao facer del profesor a Ramón Lamote- a normativa aínda non puido dominalo; e «graciñas», no entrañable idioma do corazón, que tan ben se fala na capital da Terra Chá.

Ao estilo de Chao Rego, direi que este domingo renacín vilalbés, aínda que moitos foron os non vilalbeses que tamén participaron. Dicindo «Graciñas a todos» desde aquí, agardo conseguir o imposible de alomenos acusar recibo de tanto agarimo recibido.