Saberes do pasado

Xosé A. Pombo

VILALBA

27 may 2016 . Actualizado a las 10:12 h.

Escoller terras que labrar e sementar é asunto que preocupa os homes desde que se producen alimentos. Pero as plantas cultivadas non son contrarias ao aproveitamento daqueloutras que medran espontáneas e que poden servir de complemento alimentario, medicinal ou mesmo ter uso industrial.

É asunto para ter en conta. Dende sempre, quen labra a terra busca sementar o que mellor se dá e o que produza maiores beneficios, tanto para o propio consumo como para a súa venda. Pero coas únicas vistas a sacar maiores rendementos, asunto no que estamos, téñense perdidas certas tradicións e algúns coñecementos sobre as plantas silvestres. ¿Quen non sabe que a infusión da manzanilla calma o estómago e que tamén se usa para lavar os ollos irritados? ¿Quen non recorda que o fiúncho é aromático para licores e que pode ser utilizado como diurético? Outros exemplos poderiamos citar, entre eles o do estalote, que ten propiedades cardiotónicas e que ata hai cincuenta anos era o remedio para moitos enfermos cardíacos. E todo iso sen esquecer que usar plantas medicinais en doses excesivas ou sen control pode provocar o efecto contrario ao perseguido e deteriorar a saúde.

Tamén hai más aplicacións para as plantas silvestres. ¿Alguén recorda que os talos das estrugas, tamén chamadas ortigas, foron substitutos do liño en épocas de escaseza? ¿Ou que se comían, cocidas, raíces de abrótegas en épocas de fame malia o seu estraño sabor? De toda esta sabedoría está chea a Terra Chá. Tal vez conviña irmos pensando en non esquecer os saberes do pasado, en acomodalos aos coñecementos actuais e en aproveitar as posibilidades que nos ofrecen.