As sombras da Deputación de Lugo

Xosé Antón Pombo VILALBA

VILALBA

25 jun 2015 . Actualizado a las 17:04 h.

Non me negará, paciente lector, que cada vez precisamos máis das ensinanzas de Platón. As sombras da caverna, falsas realidades, cegan a quen nin sabe, nin ten intención de instruírse, nin quere aprender. Resulta que os destinados ao goberno da sociedade, aqueles dedicados á politeia, é dicir, os que deberan buscar a harmonía entre cidadáns e a mellora social, son os arquetipos de como non debe ser ningún dirixente nin ningunha persoa con mediano sentidiño. Manobras destinadas a virar a vontade dos electores, esquecemento de palabras dadas xunto con ocultas promesas provocan extraños pactos que destapan ambicións de poder a calquera prezo. E todo para pretender beneficios nepóticos. Pero cando o reparto non é de acomodo de todos os conspiradores, chegan as roturas de pactos, as infames traizóns e as liortas entre correlixionarios.

Chegados a este punto, amigo lector, e se lle parece, poderá filosofar comigo sobre tres cuestións. Unha: precisamos dirixentes con maior educación e instrución. Dúas: o exemplo que teñen os futuros dirixentes e cidadáns que aínda se están instruíndo é lamentable e resulta ser o vivo exemplo de como non se debe comportar un cidadán. Tres: seguiremos desencantados cando nos chamen a participar nas próximas eleccións.

E de remate. Que quede constancia da nosa fonda decepción polo espectáculo que deron persoas electas que deberan ocuparse en buscar a harmonía e a paz para rexer a Deputación de Lugo nos próximos anos.