Música e humor en Sarria para revivir as festas dos anos 50

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

O grupo Airiños da Freba presenta o videoclip «O estraperlista» e organiza unha foliada

19 jul 2017 . Actualizado a las 10:40 h.

A música e o humor serán a base da festa que se celebrará en Sarria este venres. O grupo sarriano Airiños da Freba presentará na Unión, a partir das 22.00 horas, o videoclip O estraperlista, nun acto que se completará cunha foliada e pinchos para revivir as festas dos anos 50. De feito, todo aquel que o desexe pode acudir vestido de época.

Airiños da Freba, un grupo de recolleita de música antiga e popular galega que naceu en Sarria o ano pasado, xa leva case 2.000 copias vendidas do seu primeiro disco, O’de Lacón, que inclúe precisamente o tema O estraperlista, do que este venres presentan o videoclip. Trátase dun tema baseado nunha canción popular da Coruña.

Morris, protagonista

Este traballo conta, segundo explicou Miguel Díaz, director de produción de MT Producciones, ten como protagonista a Antón Durán Morris e está dirixido por Lois Blanco Araúxo. O videoclip gravouse en Teixois (Asturias) e conta a historia do estraperlista, «un antigo comercial, un pouco tarambainas, cuxo soño era vivir na Coruña (...) Vaise contando a súa historia e tamén o desprezo que lle manifesta o pobo a el e ás súas ensoñacións», relata Díaz.

No acto do venres, o público poderá descubrir este orixinal traballo, «xa que non é habitual, e ademais é complicado, que se faga un videoclip dunha música desta época», continúa Miguel Díaz.

A proxección, ao aire libre, completarase co making-of, un photocall, degustación a cargo de Torre de Núñez e unha foliada dos anos 50 aberta, na que xa está confirmada a participación, entre outros grupos e músicos individuais, de Meigas e Trasgos. Haberá, ademais, moitas outras sorpresas.

Airiños da Freba ofreceu o ano pasado unha vintena de concertos e para este ano xa teñen pechadas o dobre de citas.