«Estaba nerviosa, pero pasoume cando me falou o rei»

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

SARRIA

A moza sarriá Naila González coa súa nai, Ana Rodríguez, e o rei Felipe VI no Pazo do Pardo.
A moza sarriá Naila González coa súa nai, Ana Rodríguez, e o rei Felipe VI no Pazo do Pardo.

A alumna sarriá cualifica de «incrible» a oportunidade de coñecer a Felipe VI

12 nov 2015 . Actualizado a las 21:58 h.

A alumna do colexio La Merced de Sarria, Naila González, participou nunha recepción real no Pazo do Pardo como gañadora na comunidade de Galicia do concurso: Qué es un rey para ti. A moza estudante recoñeceu que estaba moi nerviosa no comezo do acto, pero di que «pasoume cando me falou o Rei», ademais define a súa experiencia como «incrible» e destaca a proximidade do monarca tanto con ela como co resto de rapaces que gañaron o certame nas súas respectivas comunidades.

-¿Como foi a experiencia de coñecer a Felipe VI?

-O único que podo dicir é que foi unha experiencia incrible. Estaba moi nerviosa cando comezou o acto pensando no momento en que ía a chegar a miña quenda, pero pasoume xusto cando me falou o rei.

-¿Que lle comentou o monarca do seu traballo?

-Fíxolle graza que representara a súa cabeza coma unha lámpada e comentoume que xamais se lle iluminara, pero a idea pareceulle moi orixinal.

-¿Por que o representou coma unha lámpada?

-Este ano está considerado pola ONU como o ano da luz e por iso no meu colexio, La Merced, estamos a facer varios proxectos relacionados con este tema. Por iso considerei que sería orixinal representar o rei coma unha lámpada que ilumina a todos os españois.

-¿Que impresión lle causou Felipe VI?

-A verdade é que foi excelente. O que me resultou máis agradable é que se trata dunha persoa moi próxima no trato e enormemente agradable. Portouse de maneira extraordinaria con todas as persoas que estivemos no acto, parando un bo anaco con cada unha e interesándose por todos os traballos.

-¿Gustaríalle repetir a experiencia?

-Desde logo, a magoa é que xa non podo volver a participar no certame, pero se puidera seguro que o faría xa que foi unha experiencia que xamais vou a esquecer.

-¿Que supuxo para vostede facer o mellor traballo de Galicia?

-Algo moi especial e que me abriu as portas para poder tomar parte en algo realmente único. Ao mesmo tempo tamén me anima moito a seguir traballando cada día máis para lograr máis éxitos.

naila gonzález estudante de sarria