As Letras do Manuel

Xulio Xiz TRIBUNA

SARRIA

14 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ben está o que ben chega, e chegoulle a hora ao Manuel, que chegou a rexeitar a distinción da Academia nun momento de dificultades sociais, e logo foi Académico con toda a honra, que non só deixou detrás de si unha escola poética senón que cun seu libro ?Terra Chá- conseguiu crear unha comarca que aínda que é clarísima comarca natural nunca se falou dela ata que aparece o libro do mesmo nome, sendo ?como di Paco Martín- o único caso no mundo dun poeta que marca o camiño aos xeógrafos para o establecemento dun territorio, dun pequeno país.

Calquera das opcións que se manexaban este ano tería cor lucense, xa que Carballo Calero ?o permanentemente postergado polo seu lusismo- foi lucense un tempo, e aquí desempeñou importante traballo, e Xela Arias tiña país sarrianos, pero a elección do Manuel parecía cantada, e por fin produciuse. A non mención este ano deixa por agora sen posibilidades a candidatura do noso Fiz Vergara Vilariño que puido ser elixido para o 2014.

Dos 16 primeiros anos deste século, 7 homenaxeados foron lucenses: Lorenzo Varela, de Monterroso; María Mariño, do Courel; Ramón Piñeiro de Láncara; Novoneyra, do Courel; Lois Pereiro, do Val de Lemos; Díaz Castro de Guitiriz; e agora o gran Manuel María da Terra Chá.

Unha vez máis se demostra que non tiña razón Lópe de Vega cando dixo: ?Galicia, nunca fértil en poetas, mas si de ilustres capitanes y letrados?. Precisamente, do que Galicia pode presumir é de poetas, especialmente de poetas. E ás probas nos remitimos. Un dos primeiros, Manuel María, terá dedicado o Día das Letras do 2016.