Nace a torta de améndoas e castañas Val de Sarria

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

A emprendedora Lourdes Pombo inicia un proxecto de repostería caseira a base de «produtos naturais, pouco azucre e sen aditivos»

12 jul 2015 . Actualizado a las 10:18 h.

Sarria e o Camiño de Santiago ao seu paso pola vila xa poden presumir de ter un postre propio: a torta de améndoas e de castañas Val de Sarria. A súa artífice é Lourdes Pombo, enxeñeira técnica industrial de 40 anos reconvertida en reposteira pola crise. «Traballaba nunha empresa relacionada co sector da construción, pero quedei sen emprego pola crise», relata a emprendedora, que fixo unha aposta decidida. «Plantexeime irme fóra ou buscar unha maneira de saír adiante aquí, e como a repostería sempre me gustou xurdiu a idea de crear unha empresa de repostería caseira», explica. De aí naceu Torta de Sarria, un proxecto baseado «nos produtos naturais, con pouco azucre e sen aditivos». «A torta é unha receita especial que se facía na miña casa hai moitos anos, e que eu adaptei ao que nos gustaba», comenta Pombo. Está elaborada con fariña ecolóxica integral, améndoas, castañas e azucre moreno. Ademais, nunha modalidade está cuberta de chocolate negro.

Pastas con sirope de arce

Pero no obradoiro que Lourdes montou na casa tamén se fornean desde maio para vender amendoados, cocos, pastas sen azucre con sirope de arce... «Gústame moito a comida natural e botaba de menos este tipo de repostería, sen moito azucre, sen conservantes nin graxas, só mantequilla», detalla. Polo de agora traballa ela sola e vende en Sarria, pero a súa idea é aumentar a produción e expandir a comercialización a Lugo e Monforte.

Á venda en tendas e restaurantes de Sarria

A Torta de améndoas e castañas de Sarria e os demais postres que elabora Lourdes Pombo están á venda en varios establecementos da vila: Azafran Delicatessen, Arlo Charcutería (na praza de abastos), Supermercados Cristo, Supermercado Praza de Galicia, Supermercado A Ponte Vella, Panadería Regueiro ou Adega Galega. Ademais tamén se poden atopar en varios restaurantes, como A Travesía dos Soños, Parrillada O Recuncho, Mesón Roberto, A Taberna de Pili, Litmar, Cantina de Muro e no Hotel Alfonso IX. A súa idea é vender a través de Internet (www.tortadesarria.gal), e leva un tempo movéndose tamén en Facebook.