Preparan o castro de Formigueiros para mostrar as súas riquezas

Francisco Albo
FRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

SAMOS

ROI FERNANDEZ

Unha actuación de Cultura ten por fin facilitar a conservación e as visitas ao xacemento de Samos

28 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde finais do pasado outubro lévase a cabo unha actuación que ten por obxectivo mellorar as condicións de conservación do castro de Formigueiros ?no municipio de Samos?, así como facilitar a súa visita e difundir os seus valores arqueolóxicos. O proxecto é promovido pola Consellería de Cultura e Educación e conta cun orzamento de 16.456 euros. Os traballos son realizados por unha empresa privada baixo a dirección técnica de Gonzalo Meijide, arqueólogo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A intervención consiste, por unha parte, en limpar de maleza e cascallos todas as zonas do castro que foron escavadas en varias intervencións arqueolóxicas que se realizaron hai varios anos por iniciativa do mencionado organismo, así como os accesos ao asentamento. Nas antigas estruturas construtivas que foron postas á luz nesas intervencións aplicaranse produtos biocidas a fin de impedir que volva medrar sobre elas a vexetación silvestre e que se manteñan ben visibles. Por outra parte, o proxecto comprende tamén algunhas tarefas puntuais de reparación e consolidación destas construcións.

Estas operacións fóronse realizando nas últimas semanas de maneira intermitente, en función das condicións meteorolóxicas, e aínda non están acabadas. Pero os responsables apuntan que se o tempo se mostra favorable ?como indican os pronósticos de Meteogalicia?, poden quedar totalmente terminadas entre esta semana e a seguinte.

Modelo tridimensional

Por outro lado, o proxecto comprende a toma de imaxes aéreas coa axuda de drons que se utilizarán para elaborar un modelo dixital en tres dimensións da antiga poboación. Hai varios anos, coa axuda da Universidade de Santiago, xa se realizara unha reprodución tridimensional da estrutura do castro tomando como base cerca dun millar de imaxes fotográficas tomadas con cámaras situadas ao nivel do solo e levantadas con pértegas. «Pero desde entón a tecnoloxía avanzou moi depresa e agora contamos con outras ferramentas que permiten trazar unha topografía moito máis documentada e precisa», explica a este respecto Gonzalo Meijide.

A intención da Consellería de Cultura é poñer esta reprodución tridimensional a disposición do público, pero Meijide puntualiza que aínda non está decidido como se divulgará este material unha vez que estea elaborado. «Primeiro temos que ver todas as posibilidades que ofrece a reconstrución en tres dimensións e despois escolleranse as fórmulas que se consideren máis axeitadas», agrega. En principio preténdese deseñar unha páxina web, pero tamén é posible que se elabore unha aplicación para teléfonos móbiles que os visitantes do castro poidan utilizar sobre o terreo.

Aproveitamento social

Cos arranxos executados no castro e coa realización do modelo tridimensional, a consellería pretende «acadar un aproveitamento sociocultural óptimo» deste xacemento arqueolóxico. Gonzalo Meijide sinala que o traballo de documentación topográfica que se realiza actualmente pode servir ademais de base para futuras escavacións, porque o castro de Formigueiros aínda está lonxe de ter revelado todos os seus segredos.