Os ferreiros que chegaron a Riotorto dende as terras de Euskadi

XOSÉ CARREIRA LUGO / LA VOZ

RIOTORTO

Un estudio recolle as ferramentas utilizadas nas fraguas e parte da historia do vello oficio

17 abr 2016 . Actualizado a las 11:51 h.

Os estudos e as investigacións levadas a cabo por a Asociación de Promoción Social Ferreiros de Riotorto, dados a coñecer co gallo da feira que se celebra na xornada de hoxe nas Rodrigas, revelan que a tradición dos ferreiros que existe actualmente no termo municipal podería provir das terras de Euskadi. Os expertos que analizaron diversa documentación basean a teoría nalgúns dos termos empregados, como, por exemplo, aroza, aldabarra, arragua ou bandarria (pezas que se empregan nas forxas) e tamén nos apelidos vascos que aínda teñen presenza na actualidade en Riotorto. É o caso de Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde. Estas achegas á historia destes profesionais foron dadas a coñecer a travé das redes sociais durante a promoción desta décima edición da feira.

Din os integrantes da asociación que a primeira referencia histórica á artesanía do ferro en Riotorto atopárona nunha documentación medieval do mosteiro de Vilanova de Lourenzá. Nela figura referida unha ferraría en Vilaseca. Era aló polo ano de 1594. Tamén hai referencias doutra en Santa Marta.

A de Vilaseca volve a ser citada en documentos de 1645, 1671 e 1788. Sábese que nese último ano xa non estaba funcionando. «No catastro do Marqués de Ensenada, aparecen citados dous mazos: un na parroquia de Ferreiravella (o Mazo da Chavarría) e outro na de Riotorto, no lugar chamado Pumar Sindín. Daquela, 1752, asegúrase que había cinco ferreiros en Ferreiravella e tres en Riotorto.

A investigación levada a cabo pasou incluso polo Arquivo Histórico de Asturias, no que hai documentos que falan dun mazo en Ferreiravella no ano 1691. O xornal El Compostelano publicou un artigo do que fora cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence-Santar, no que conta que en 1941 había un total de 56 forxas, repartidas en 37 na parroquia de Ferreiravella, 17 en Espasande de Baixo e dúas na parroquia de Riotorto

CRÓNICA Feira da artesanía do ferro

No ano 1941 había no municipio 56 forxas, das que só quedan pouco máis dunha ducia

Os primeiros documentos que aportan datos apareceron nun mosteiro