Manuel María será lembrado outra vez no seu cabodano 

OUTEIRO DE REI

A Irmandade que leva o nome do poeta e Xermolos organizan de novo a homenaxe anual en Outeiro de Rei

24 ago 2016 . Actualizado a las 17:00 h.

Neste ano de tantas homenaxes como protagonista do Día das Letras Galegas, non podía faltar, e non faltará, un acto no que se lembra a Manuel María en Outeiro de Rei. A Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos organizan a lembranza que adoita ter lugar cada 8 de setembro, data do seu cabodano.

O programa será o de sempre. Ás tres da tarde terá lugar un xantar, e ás cinco, un recital de poesía en Penas de Rodas. Logo, ás seis da tarde, haberá unha ofrenda floral no cemIterio de Outeiro de Rei, onde acougan os restos do poeta, e cos poemas cantaranse algúns dos seus versos máis coñecidos, convertidos en canción hai anos: soará, como non, «O carro».

Outro dos actos habituais da xornada, o rito de entrega da navalla, terá como protagonista ao guitiricense Raúl Río, que a recibirá de Lois Diéguez  Haberá outra entrega, aínda que simbólica e a título póstumo, a Francisco Carballo.

A xornada rematará coa merenda na que non faltan pan, queixo e viño do país. Os que desexen acudir ao xantar deben inscribirse chamando ao 646 413 890.