«O cociñeiro» da plataforma que pateou toda a provincia

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

O CORGO

ÓSCAr CELA

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ángel Corredoira (O Corgo, 1961) é un traballador nato e un home comprometido coas causas xustas. Preside desde hai catro anos a Asociación de Veciños Laxe-Blanco, do Corgo. Aínda que desde que rematou o seu traballo de coordinador nos hortos do río Rato e na campaña a favor do tren, «teño algo máis de tempo libre», segue na loita. Desde hai uns meses está a recoller sinaturas, cos seus veciños, para pedirlle a Fomento que arranxe a N-VI desde Nadela e á Veiga de Anzuelos, xa que a estrada está chea de fochancas e remendos. O ministerio xa anunciou que non pensa gastar nin un euro en amañar a vía debido, ao parecer, ao escaso tráfico de vehículos.

A Miguel Ángel, que é como o coñecen os seus amigos, compañeiros da federación veciñal, e miles de lucenses, púidose ver moi activo en campañas como a da limpeza dos ríos, as charlas da federación sobre animais, na campaña de inscrición de asociacións veciñais e, sobre todo, durante a campaña a favor dos servizos do HULA, pateando rúas, percorrendo quilómetros pola provincia, entrevistándose con médicos e alcaldes, facendo centenares de chamadas, para que todo saíse o mellor posible. Di que se queda co cariño de toda a xente que os animaba a seguir e das persoas coas que traballou.

«Teño que agradecerlle a Jesús Vázquez que confiase en min, supoño que outro o faría mellor ca min, pero el apostou por min». Tamén ten palabras de cariño para as persoas da federación coas que estivo recorrendo a provincia e a cidade, «como Moncho, José Manuel Carballo, García, Segundo, Javier Otero, José Manuel Serén ou Rosendo de Abre la Muralla e tantos outros aos que agradezo». «Lembro con cariño a Santi, un rapaz do Sagrado Corazón cunha deficiencia, pero que estivemos os dous en Chantada repartindo folletos». E como non, tamén se lembra da súa familia. «E que dediquei catro anos da miña vida a loitar por causas xustas para Lugo, e estoulle agradecido á familia porque me permitiu dedicarlle tanto tempo. Non todo o mundo ten dispoñibilidade de saír ás nove da mañá da casa e chegar moitos días de madrugada».

Agora, catro anos despois daquel inicio da loita polos servizos do HULA, Miguel Ángel séntese contento polo traballo feito, pero lembra que aínda non se conseguiu todo. «Oxalá teñamos pronto Hemodinámica 24 horas, porque a xente de Lugo non pode morrer polo camiño como está a pasar aínda agora».