O domingo haberá exhibición de doma, concurso e exposición de cabalos de pura raza galega

La Voz

O CORGO

26 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O municipio de O Corgo acollerá tamén o domingo a Feria Caballar de Adai, na que haberá, entre outras cousas, exhibición de doma, concurso e exposición de cabalos e eguas de pura raza galega. Este evento está organizado polo Concello do Corgo en colaboración coa asociación Pura Raza Cabalo Galego.

O alcalde corgués, José Antonio Ferreiro, explicou que unha das novidades que haberá este ano é a inclusión dunha das probas puntuables para o campionato galego morfolóxico de cabalos e eguas de pura raza galega Copa Galicia PRG. Esta será a quinta das probas oficiais do calendario de competición 2015, no que participarán concellos de toda Galicia.

Polo momento está confirmada a participación de ganderías procedentes de Ferrol, Oza-Cesuras, Vimianzo, Zas, Brión, Boqueixón, A Estrada, Vilagarcía, Mos e Muras. En total, no concurso participarán unha vintena de animais.

960 euros de premios

Haberá dúas seccións: sementais maiores de tres anos e eguas maiores de tres anos, todos eles inscritos no Libro de Rexistro xenealóxico da raza autóctona galega. En total, repartiranse 960 euros de premios para os catro primeiros clasificados.

Por outra banda, a organización habilitará dúas probas morfolóxicas para os cabalos e eguas de razas indefinidas (cruzadas) maiores de tres anos.

As probas darán comezo ás 12.30 horas para a sección de cabalos cruzados maiores de tres anos, e media hora máis tarde será para a sección de eguas. Ás 13.30 horas será a entrega de premios.

Espectáculo de fusión flamenca

En canto á exhibición de doma do espectáculo Camiño de Santiago, terá lugar ás 17.00 horas na pista de exhibicións da feira cabalar. Este espectáculo, que correrá a cargo da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, basearase nas lendas xacobeas do Camiño, combinando exercicios de doma clásica, doma da alta escola e doma en liberdade.

Igualmente, presentarase «como estrea mundial» un exercicio de fusión flamenca no que o bailador xitano Isaías Monteiro Salazar, acompañado por Rubén e Moisés Fernández, executará unha coreografía de aires flamencos na que participará un cabalo de pura raza galega, de nome Balboa, montado polo domador Antonio Cabo.

Neste espectáculo, que durará uns 75 minutos, participarán oito cabalos, cinco xinetes, catro domadores e tres actores.