«Pido xenerosidade a todos os grupos, para que Lugo non quede como Ferrol»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Vázquez recorda que o plan de obras que propón o goberno local inclúe o moi esperado leirapárking do HULA

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Presidente da Federación Provincial de Asociacións de Veciños, dirixiu tamén a Confederación Galega de Asociacións Veciñais. Jesús Vázquez, veteranísimo responsable da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias de A Milagrosa, é dos que cren que cando se pode solucionar algún problema, por pequeno que sexa, mellor é facelo que deixalo á espera de resolver as grandes complicacións que teñen as comunidades, neste caso a capital lucense. Coherente con esta maneira de ver as cousas, agora que o goberno local intenta aprobar un plan de inversións, pola vía da modificación de créditos, que palíe a falta de presuposto anual (está prorrogado o do 2016) pide xenerosidade a todos os grupos da corporación municipal e fai unha chamada á concordia «para que Lugo non quede como Ferrol». Di: «Sempre, polo menos algunhas veces, cando menos de vez en cando, os intereses da cidade deberían estar por riba dos de partido».

-No plan de inversións figura outra vez o leirapárking do HULA...

-Para nós é unha obra moi importante. Levamos moito tempo pedindo un aparcamento alternativo. Recorde que chegamos a ofrecer coidar as zonas verdes (do que se encarga a empresa concesionario do aparcamento soterrado) a cambio do rescate da concesión do párking interior, porque pensamos que encima de que alí, ao HULA, se vai por enfermidades ou accidente, que haxa que pagar por estacionar... En fin, a Xunta deu a calada por resposta.

-Vostede defende a peonalización e na proposta de obras figura á da praza da Milagrosa, o seu barrio. Que lle parece?

-A nós, no seu día, puxéronnos verdes incluso algúns colaboradores por defender a peonalización dalgunhas rúas. Pero o certo é que a rúa Divina Pastora, desde que é peonil, ten cen prazas nas terrazas de hostalería e, cando está bo tempo, están cheas. Hoxe é a rúa máis dinámica do barrio. Penso que na corporación non hai ningún grupo que se opoña a peonalización de Quiroga Ballesteros, como propón o goberno municipal. Logo, por qué non debería ser aprobada no pleno esta medida.

-O goberno local propón unha partida para acondicionar aparcamentos disuasorios. Pero do Plan de Mobilidade pagado polo Concello non se volveu saber...

-Eu nunca entendín que non se executara ese plan, que a min me parecía moi bo. Pero tampouco entendería que os que se din partidarios da peonalización da cidade non apoien a creación de aparcamentos necesarios para que sexa posible. Como tampouco entendería que non se aprobase a partida para a sociedade municipal do solo (Evislusa), que ten que facer o traballo para a área de rehabilitación da Milagrosa. Non sei se é necesario máis diálogo entre os grupos, o que sei é que hai que ir facendo o que necesita a cidade.