Ramón Carballo advirte que quere un PP no concello «perfectamente engraxado»

LUGO CIUDAD

LV

O partido comunica oficialmente o nomeamento de Ameijide como portavoz e Ana López Pombo e Enrique Rozas, viceportavoces

14 jun 2017 . Actualizado a las 17:04 h.

O presidente da xunta directiva local do Partido Popular, Ramón Carballo, logo da reunión que mantivo este martes co comité executivo, e na que se acordou o nomeamento de Antonio Ameijide como voceiro do grupo municipal e de Enrique Rozas e de Ana López Pombo como vicevoceiros, destacou que na súa formacíón seguían «dando pasos na configuración dun proxecto gañador, baseado no traballo en equipo e nunha estrutura forte de cara ás municipais, e pensado única e exclusivamente na defensa dos lucenses».

Para evitar suspicacias, Carballo advertiu que este proceso «forma parte da normalidade, e que tiñamos que dar unha vez que o ex voceiro, Jaime Castiñeira, anunciou o seu desexo de renunciar tamén á súa acta como edil». A este respecto, Carballo destacou a decisión do seu predecesor no cargo, «a cal me merece o máis absoluto respecto; ademais, foi un colaborador moi importante no Congreso, no que os afiliados amosaron un interese pola vida do Partido. Por iso, creo que este agradecemento ten que ser visible».

Carballo dixo que dentro da reorganización municipal «o que queda por diante é rematar un organigrama perfectamente engraxado». Indicou que se irá completando nos vindeiros días, e que se irá facendo público segundo a dirección vaia avanzando no seu deseño.

«O que toca agora é poñer a funcionar a estrutura da nova da organización de cara a facer tamén unha oposición construtiva ao goberno local e pensando ademais nas próximas eleccións municipais, onde o PP ten que estar preparado para darlle a esta cidade un goberno estable que xestione e dea resposta ás necesidades dos lucenses; estou convencido de que non imos a dar ningún paso antes de que corresponda, o que tocaba hoxe son os nomeamentos do voceiro e do vicevoceiro», manifestou.

Dedicacións e áreas

Ademais de cara á configuración do novo equipo, adiantou que haberá tres dedicacións exclusivas que recaerán en Antonio Ameijide, Enrique Rozas e Manuel López. Asemade, proximamente, o máximo dirixente da organización local dará a coñecer como queda tamén o reparto das áreas de xestión.

«Será, un equipo, no que como xa dixen varias veces, todos sumaremos para que o PP medre nesta cidade e neste concello. Todas as decisións que adoptamos son froito do consenso coas directivas provincial e rexional, pois así o entendo. Todos camiñamos da mesma man», rematou.