A forxa como escritor de Jesús Rodríguez López

Manuel Calvo López

LUGO CIUDAD

A súa actividade literaria foi moi intensa entre os anos 1890 e 1894

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O cuatrienio que abrangue de 1890 a 1894 é moi fácil de referir a respecto de Rodríguez López e a súa actividade literaria, por iso, farei unha relación sucinta daquelo que ofrece algunha relevancia no seu vivir.

A finais de xullo de 1891 (El Regional, Lugo, 30-VII-1891) dise que está no prelo un novo poema titulado Cousas dos homes; noticia que se repite tres anos máis tarde en mans de Aureliano José Pereira, quen desde Madrid envía unhas liñas (Ibid., 5-II-1894) nas que noticia a preparación para a súa publicación do devandito título «en una bonita edición que llevará un prólogo de Leopoldo Pedreira». Como xa dixen, con este título descoñezo a súa publicación.

O 17 de setembro de 1892 a revista Galicia, da Coruña, comeza a publicación da súa novela A cruz de salgueiro, continuada durante o ano 1893 en forma de folletín. Tendo en conta as características de inquedanza literaria propia do noso autor, é curioso observar que esperase seis anos para dala ao prelo, en volume, no ano 1899.

Literatura en 1893

Moito máis escaso en feitos é o ano 1893 pois a única actividade literaria céntrase no mes de xuño; o día 8 (Ibid., 8-VI-1894) publícase un poema titulado Un consello, asinado por «O teu millor amigo» no que se aconsella casar: descoñezo quen se agocha baixo esa sinatura. De ter que aventurar un nome, ocórreseme o de Amor Meilán sen certidume probada. Velai algúns versos: «Eu xa non sei cando acabas/meu Xesús, de te casar,/porque o tempo vai pasando/e ti pasándote vas./Unhas veces danche nenas/que inda acaban de mamar;/outras danche algunhas mozas/que drento do outono están,/e ti quedo, sempre quedo/deixando ó mundo falar».

O certo é que, como dixen, Rodríguez López non será casadeiro ata 1899, con corenta anos cumplidos, mesmo se na súa época posuniversitaria debeu de haber moitas mulleres na súa vida, como o recoñece el no poema Ó meu millor amigo (Ibid., 18-VI-1893) no que pasa revista aos diferentes tipos de muller, para rematar xustificando a súa solteiría: «Pra mercal-a miña dicha/non hay bastantes doblós/nin na terra que pisamos/nin en canto aluma o sol;/que «amor con amor se paga»/mais con outra cousa non./Por eso mentras n’atope/quen aprecie o meu amor,/outro corazón que forme/co meu, harmonioso son/despertando-o do letargo/ en que fai tempo quedou,/deixareino que tranquilo/descanse o meu corazón».

A comezos de marzo do ano seguinte publícase en varios xornais de Galicia un artigo en galego que trata de xeito superficial o mundo da superstición, está asinado por «Farruco Portela», é dicir, Francisco Portela Pérez, literato galego asentado en Pontevedra.

O contido dese artigo procede do seu libro Notas descriutivas das romarías en Galicia, 2ª edición, Pontevedra, 1894 e non ten maior transcendencia literaria.

Pola contra si é importante o que Rodríguez López escribe co título «A Farruco Portela», porque a máis de gabar o seu mérito por escribir en galego, o noso autor permitirános ver con claridade a súa opinión «xestante» sobre as supersticións galegas e a súa postura, firme, diante delas: «A fé tampouco se compón ben coa superstición, porque a emporca e trata de sacarlle a aquela todo o seu velemento. O que hay de certo é que a fé pode andar na compaña da iñorancea e do fantismo… Non hay cousa que máis me entristeza que ver eses homes e mulleres vestidos de antroidos que van a certas romaxes, xa para cumplir un voto ou en busca de que o santo lles cure calquera mala fada. A verdá é que o santo de máis mala cara é capaz de facer o milagro máis grande por non verse no compromiso de soltarse a rir da facha que fan os devotos cando van a pedirlle mercedes de tal xeito vestidos. Paréceme unha antroidada por calquer lado que se mire, e figúraseme que xa non a debían consentir os cregos, porque hoxe para a maor parte da xente esas cousas non sirven de escándalo, sirven de chacota. Ademais en ningún dos mandamentos de Dios nin da Igresia se manda nada de eso. Hoxe para conservar a fé… non se precisa transixir con esa cras de votos, pois xa non val a limosna a mofa que producen» (Ibid., 11-III-1894).

Diverxencias co clero

Penso que é claro que Rodríguez López, católico practicante, non pacta con todos os ritos eclesiásticos que, de forma implícita, se ven asociados co mundo da superstición, sobre todo en Galicia, onde as reminiscencias atávicas neste terreo chegaron case na súa forma plena ao mundo dos nosos días. Este afán de poñer ao descuberto todo tipo de crenzas absurdas será levado a un nivel óptimo cando una ano máis tarde, en 1895, escriba Ligeros apuntes sobre las supersticiones en Galicia.

Pasa o mes de xullo en Xixón, desde onde evía dous artigos que titula «Asturias y Galicia» (Ibid., 13 e 20-VIII-1894 respectivamente), nos que conta as súas impresións da viaxe de Galicia a Asturias pasando por León, para continuar explicando as características das praias asturianes en comparación coas da nosa rexión.

Profesor estudoso de Jesús Rodríguez López