Rodríguez López, un autor prolífico

manuel calvo lópez

LUGO CIUDAD

Moitas das súas publicacións están vinculadas a nomes de mulleres

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por razóns de espazo a cita da súa obra non poderá ser completa; tan só farei referencia aos títulos de maior relevancia; omitirei, por necesidade, algunhas producións literarias que, ou ben escritas en castelán son de divulgación médico-científica -que son moitas- ou escritas en galego atópanse espalladas pola prensa rexional do seu tempo.

   Da súa época universitaria e da inmediata posterior son algunhas poesías, todas en castelán, que teñen relación con nomes de muller, algunhas delas inéditas: o primeiro poema coñecido é de 1875, manuscrito e dedicado ao seu pai na Noiteboa dese ano e a segunda La Nochebuena, datada un ano despois e contida no mesmo prego que a anterior. Séguenlles Soneto (1880), A mi amiga Carmen Rubín (VI-1880), Declaración a Carmen (1882), Desengaños (1883), Pensando en ella (a Concha) (1883), La razón y el corazón (1884) e un longo etcétera ata 1890. Todos os escritos da época posestudantil carecen de dimensión ou pretensión no eido das Letras; son de corte doado e rima inxenua, propios dun estudante que no tempo de lecer escribe por afección e, sen dúbida, por mor dos seus primeiros divertimentos amorosos.

   Son, en calquera caso, un feble marcador do seu comezo na actividade literaria; terán que pasar algúns anos nos que, quizais, por tentar situarse como médico na sociedade lucense, Rodríguez López non se deixa ver, senón de cando en vez, como poeta en potencia nalgunhas veladas ou festas sociais, e non podo precisar se nelas lía poesías da súa propia creación. Sei con toda certeza, iso sí, que moitos anos despois tivo a idea de agrupar todas estas poesías, xunto con outras aparecidas noutros xornais rexionais e nalgúns hispanoamericanos, baixo o título Brotes del alma, poesía en castelán: con este encabezamento consérvase un prego indexado con un número de poemas nesa lingua -33 exactamente- e con eses títulos coincidentes, quizais coa idea de publicalos todos nun volume co devandito título.

Primeiro poema en galego

O seu primeiro poema escrito en galego, A ellas, publicouse no xornal ribadense Las Riberas del Eo (7-X-1882. «A min gústame Pepiña, Xuaniña, Antonia, Petra e Carmiña...)». Segundo Dionisio Gamallo Fierros (El Progreso, Lugo, 28-VII-1959, con motivo do centenario do seu nacemento) son versos de métrica desigual, dedicados ás mulleres, nos que se amosa como un namorado universal, en estrofas que polo seu ritmo, vocabulario e o seu corte diminutivista serían como un anticipo do estilo de Noriega Varela. O primeiro publicado en castelán, conservado manuscrito, puido ser A la muerte de mi querida amiga Carmen Rubín, (El Diario de Lugo 26-IX-1882).

   Convén dicir que un dos seus primeiros traballos na oratoria profesional debeu de ser La Higiene en las habitaciones, conferencia dunha hora e media dada nunha velada celebrada no Círculo-Recreo de Artistas, Comerciantes y Curiales -co tempo sería o actual Círculo de las Artes- o 13 de febreiro de 1882 con gran asistencia de público. Non debeu de ser unha actuación brillante, pois Aureliano José Pereira fai sobre el a seguinte crítica: «Impresionado por la presencia de público no lució como se esperaba … creo que estará de acuerdo conmigo en que su discurso sería admirable si hubiese hablado solo. No sé si el joven médico piensa cultivar sus dotes oratorias, mas si así fuese no dudo que en ocasiones sucesivas apreciará la necesidad de discurrir con método y no aglomeradamente» (El Diario de Lugo, Lugo, 14-II-1882).

   Pódese afirmar que 1890 é o ano no que Rodríguez López comeza a alternar a súa profesión co traballo literario; da mesma maneira que desde anos antes o xornal El Regional será, sen descoidar á prensa rexional e ultramarina do momento, o preferido das súas colaboracións médicas e das súas publicacións literarias. O seu andar literario en lingua galega márcao a publicación do seu primeiro libro, Cousas d’as mulleres e bágoas e risas (Jesús Rodríguez López. Cousas d’as mulleres e bágoas e risas, 1ª edición, Lugo, 1890, Imprenta de El Regional), escrito en versos inspiradamente tenros e cunha impresionante variedade métrica, amosando ao mesmo tempo un aceptable coñecemento da lingua galega, cando menos da súa estrutura, da súa riqueza e propiedade.   

O autor di no epílogo que pensa contar o final da historia dos protagonistas noutro poema ao que lle pensa poñer como título Cousas dos homes. A obra está dedicada ao enxeñeiro de montes Rafael Álvarez Sereix, membro correspondente da Real Academia de la Lengua e futuro director da Revista Contemporánea de Madrid, e prologada por Leopoldo Pedreira Taibo, catedrático de Xeografía e Historia e escritor, sempre moi achegado á crítica de toda a produción literaria de Rodríguez López.