Grandes cruces insculpidas en diferentes penas


28/03/2017 05:00 h

Seguimos falando do Monte da Pena do Rei, en concreto dun diploma de Ordoño II referido a Lugo, datado na Era 960 (ano 922), na doazón dunha vila chamada Furós (Porta Furós, en Ombreiro), terreo hoxe despoboado onde había unha vila, cítase como Monte Regis.

No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo dos anos 1958-59, Manuel Vázquez Seijas achega un traballo titulado Mansión céltica en tierras lucenses. Ao traballo acompáñao un croquis con trinta penas insculpidas con distintos motivos no Monte da Pena do Rei. O plano, «sencillo e ingenuo», escribe Vázquez Seijas, proporcionoullo o veciño de Penarrubia don José Darriba Varela. Cando Brais máis eu comprobamos cantas penas cos petroglifos citados figuraban catalogados por Patrimonio, constatamos que só figuran dous: o de Penafita e o das Penas do Castrillón, na parroquia de Adai. Unhas veces acompañados por veciños da zona, e outras pola nosa conta, durante os meses de febreiro e marzo de 2017 conseguimos localizar 17 das 30 rochas gravadas con coviñas, unha combinación de dous círculos concéntricos e cruces, os primeiros de cronoloxía probablemente prehistórica e as últimas de época medieval.

As coviñas, insculpidas en grandes rochas ateigadas de pías naturais, oscilan entre os catro e quince centímetros de diámetro. A combinación, de dous círculos, ten unha coviña no medio. En varias penas tamén atopamos pequenas e sinxelas cruces asociadas aos motivos anteriores.

Camoiras

Pero as que máis destacan son dúas grandes cruces. Unha está situada preto da coñecida como Pena da Uz, non moi lonxe da cabeceira parroquial do Outeiro das Camoiras. Está gravada nunha pena rente ao chan ubicada nun pequeno altorelo. Ten unhas medidas de 1,50 por 1 metro, e os extremos dos brazos presentan unha forma bífida ou gallada. A outra cruz, situada a carón dun antigo camiño, foi traballada na parte superior dunha rocha. Ten unhas medidas de 0,67 por 0,23 centímetros, rematando na parte superior nunha coviña artificial o que lle dá un aspecto pometeado, como se en vez dunha cruz quixeran representar unha espada; xunto a cruz hai outra coviña, feita polo home.

En resumo, o potencial arqueolóxico do Monte do Rei e da súa contorna é impresionante, ao descrito hai que sumarlle máis de vinte mámoas, vestixios de dous asentamentos da Idade do Bronce, seis castros e restos de época romana. E o que queda por descubrir. Todos os achados ímosllo comunicar a Patrimonio para que proceda á súa catalogación, e tamén ao Concello.

Votación
4 votos
Comentarios