A derradeira imaxe de Luís Pimentel

QUIQUE ALVARELLOS

LUGO CIUDAD

CEDIDA

Faleceu en Lugo en 1958, puco despois deste retrato

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta o seu íntimo amigo, o filósofo -tamén lugués- Celestino Fernández de la Vega, que o poeta Luís Pimentel quedou «engaiolado para sempre co milagre da pedra» de Compostela, e que non houbo un ano da súa vida «que non fixese a súa visita xacobea». O vate estudara aquí Medicina, ata 1922. Celestino tamén revelou que esta imaxe que hoxe traemos á nosa Fotohistoria foi a derradeira de Pimentel. Apoiado no peitoril da Fonte dos Cabalos na praza das Praterías. Falecía poucas datas despois, no seu Lugo natal, un 13 de febreiro de 1958, aos 63 anos.

A foto foi publicada en 1986 por Raimundo García Domínguez, Borobó, no seu libro El fantasma de Valle-Inclán (Ediciós do Castro). Precisamente Borobó pasaba por alí naquel intre. E así o relata neste libro: «Me detuve a saludar al distinguido matrimonio lucense [a muller de Pimentel era Pilar Cayón]. Lo había conocido unos meses antes en Orense, con motivo de la primera conferencia que dio allí Juan Rof Carballo (...). Hablé en las Platerías por segunda y última vez con Luis Pimentel; a quien hice la pregunta obligada de cuantos estaban al tanto de su exquisita y minúscula obra poética:

-¿Cuándo va a publicar Barco sin luces?

-Pronto, pronto -me respondió, pues Pimentel daba largas, desde 1927, a la edición de su inédito y ya famoso libro de poemas en castellano».

Pimentel foi un dos nosos mellores poetas. Médico de profesión, en vida só publicou o poemario Triscos (en Benito Soto, a editorial de Sabino Torres, en 1950). Realmente, ata o ano 2009 non se publicou a súa obra completa, recompilada e preparada (traballo que a ocupou dende finais dos anos setenta) pola especialista Araceli Herrero Figueroa. O Barco sin luces sobre o que lle preguntou Borobó en Praterías seica ía ser publicado en galego por Ánxel Casal, pero o exemplar desapareceu na queima da Editorial Nós da rúa do Vilar en 1936.

A versión en castelá aparecería en Ediciones Celta de Lugo en 1960. E un ano antes, no 59 (tamén xa que logo post-mortem), vía a luz Sombra do aire na herba (Galaxia). Estes dous poemarios alcanzan os máis intensos e expresivos cumios da poesía do seu tempo. En Barco sin luces inclúe o extraordinario Diario de un médico de guardia (un retrato tan humano, auténtico, da perda e da dor, que debería ser lectura obrigada en colexios... e hospitais). E en Sombra do aire na herba, obra de título insuperable, escribe: «Eu son o poeta elexido / pra fustigar, facer fuxir / os misteriosos cabalos de sombra».

Pois ao pé deses cabalos fíxose Luís Pimentel a súa foto derradeira.

editor@alvarellos.info