Carta da alcaldesa de Lugo ao presidente Feijoo

LUGO CIUDAD

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiramente, como alcaldesa de Lugo, quero trasladarlle, tanto no meu nome como no da corporación municipal e do pobo de Lugo, os parabéns pola súa toma de posesión como presidente desta nosa comunidade.

Comeza a X lexislatura da Xunta de Galicia e creo que, polo tanto, é o momento oportuno para establecer novas fórmulas de relación entre a entidade local e a administración autonómica que temos a honra de presidir e representar. Por este motivo, solicítolle fixar unha data para manter unha xuntanza de traballo coa finalidade de tratar temas da súa competencia en Lugo e enfocar as actuacións da Xunta nesta cidade para os vindeiros catro anos. Evidentemente, é certo que o Concello xoga un papel fundamental no desenvolvemento da cidade, pero tampouco é menos certo que a Xunta desempeña un papel determinante ao tomar decisións que afectan directamente a todos e cada un dos 98.134 lugueses.

Tal e como dixo vostede publicamente, “comeza un tempo novo, un tempo de acordos, para afrontar os grandes retos que ten a sociedade por diante”. Pois ben, no que a Lugo se refire, a Xunta ten grandes retos que afrontar. A dotación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, e a finalización da implantación completa de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, a conversión do Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, a construción da Ronda Leste, a dotación de servizos no barrio da Residencia, prazas públicas de residencia e centro de día para os nosos maiores, prazas públicas de gardería, o equipamento do novo auditorio, a construción da estación intermodal, a execución do Plan Paradai, a continuidade do plan de rehabilitación de vivendas na Tinería, a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, ou as competencias en materia de servizos sociais son algunhas das cuestións que debemos abordar conxuntamente e de inmediato porque son vitais para o futuro do concello lucense.

Sabe coma min que, como alcaldesa e presidente, debemos defender os dereitos dos veciños e veciñas, aos que por riba de todo nos debemos, e preservar o seu benestar e a súa calidade de vida, sen ser discriminados con respecto a outros. Pero en Lugo non nos sentimos así. Son consciente do tempo no que nos tocou administrar, onde se deben priorizar uns investimentos por outros, pero agora ben, non vou permitir unha distinción inxustificada da miña veciñanza con respecto a outra das demais cidades galegas.