«Non me dedico a mirar en Google as empresas que optan ao polbo»

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A concelleira di que tamén está sorprendida pola reacción e asegura que os de Lugo non subiron as poxas

02 sep 2016 . Actualizado a las 00:32 h.

A guerra do polbo, ou «polbo gate», como xa se ten bautizada a adxudicación das casetas e caldeiros para o San Froilán a unha axencia de Madrid, xerou onte unha entrevista non exenta de certa tensión entre o xornalista da Radio Galega Kiko Novoa e a concelleira de festas de Lugo, Carme Basadre, no programa Galicia por diante. Reproducímola polo seu interese.

-¿Que ten que dicir da polémica?

-A verdade é que eu tamén teño sorpresa pola reacción. Foi un concurso público, como moitos outros, de participación en igualdade para todo o mundo e todo o mundo ten dereito a participar nos concursos das administracións públicas. Estou sorprendida. Tamén é verdade que encantaríame que o houberan levado os hostaleiros de Lugo, pero iso non estaba nas nosas mans. Estaba nas mans dos que presentaron as ofertas.

-¿Antes de coñecer a proposta, coñecía da existencia da empresa?

-Non porque non me dedico a mirar nin en Google nin en Internet as empresas.

-Hai dúbidas e fálase de se tiveron algún tipo de privilexio e, diso nada, todas tiveron igualdade de condicións. ¿Non?

-¿Pero privilexio de que? Non sei cal é ese privilexio.

-Pregunto, pregunto... porque hai xente que pensaba que...

-A min non me pregunte porque eu descoñezo tal cousa porque me parece unha pregunta inadecuada. Iso de dicir que tiveron privilexio non paréceme unha pregunta axeitada.

-Pero non o digo eu...

-Pero dáme igual. Vostede estama a formular a min e eu lle estou contestando a todos aqueles que llo dixeran. Eu dígolle que nun concurso público non hai privilexio ningún porque so sobres son pechados, preséntanse a través de rexistro e non se abriron hasta ese día e ademais estiveron presentes na apertura todas aquelas empresas que participaron que se invitan; por tanto, non sei...

-Non se miran outras cousas como a tradición, o vencello das empresas coa festa. ¿Só se prima o económico?

-É que é ilegal. Non se pode mirar a tradición, a experiencia porque iso non existe na Ley de Contratos. É unha ilegalidade. Os contratos han de ser públicos para que todo o mundo poda participar neles. Sería ilegal que estivera restrinxida a liberdade das empresas que se queren presentar.

-¿Pódese garantir que a calidade desta empresa vai ser absoluta?

-¿Por qué a calidade ten que ser distinta?

-Supoño que é importante que a calidade do polbo sexa boa. Digo eu. Estamos falando do San Froilán, unha das festas importantes e a calidade do produto ten que ser importante como as festas merecen. Por iso llo pregunto...

-¿Por que ten que ser peor a calidade?

-Non sei, pregunto...

-Xa estamos dubidando de antemán de que alguén nos vai poñer unha calidade peor. Pois terán que facer o seu traballo Sanidade, a inspección de Traballo e o propio Concello.

-Os hostaleiros de Lugo din que non é rendible a oferta que presentou a axencia de Madrid. ¿Teñen confianza na empresa?

-A empresa terá que demostrala. E agora ten que presentar todos os papeis e pagar para montar. E ten de prazo ata o día 12 de setembro.

A concelleira lucense, a máis veterana do goberno lucense, rematou a entrevista lembrado que o único que se modificou nas bases deste ano foi o peso da ración de polbo e os prezos. Lembrou asemade que os empresarios de Lugo non poxaron á alza como outras veces e lembrou que un deles nin sequera poxou. «Foron ao prezo que saíu confiando en que non houbera máis», dixo na entrevista a edila.