«Por cada euro que Lugo investiu na Vuelta a España, recupera 12»

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

foto: C. Castro

A rexedora di que facer unha campaña publicitaria para 190 países custaría máis que o gastado na proba de hoxe

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A cidade de Lugo vive hoxe o gran acontecemento mediático de ser fin de etapa da Vuelta a España. A alcaldesa e o seu equipo levan días de intenso traballo para que nada falle. Lara Méndez está segura de que hoxe é día de grande promoción da cidade xa que a previsión é que a chegada dos ciclistas sexa mostrada a máis de 190 países. A maiores, asegura que o investimento feito tamén ten unha gran repercusión a nivel económico. Nunha entrevista concedida para falar do evento de hoxe indicou que de cada euro investido, en Lugo quédanse 12.

-Descúlpeme. Chego tarde a entrevista porque aparcar nesta cidade é un calvario. ¿Cando imos poder estacionar ben?

-Cando teñamos todos un pouquiño máis de conciencia e sexamos máis sensatos.

- Hai que agardar que todo vaia ben, porque aínda non chegara a Vuelta á cidade e un camión da caravana ciclista xa levou por diante o meu coche que estaba aparcado...

-Para iso hai seguros. Ese tipo de accidentes forman parte do día a día. Insisto, para iso hai seguros e cada un ten a súa responsabilidade, e temos que asumila. Eu non sei de quen foi a culpa, se do camión da Vuelta ou do turismo que estaba mal aparcado.

-Prométolle que estaba ben.

-Créolle.

-Falemos da Vuelta. ¿Ten un cálculo do persoal que ten mobilizado o Concello para o acontecemento?

-Non se trata de cuantificar ás persoas. Lévase traballando, desde finais de 2015. A principios deste ano xa se presentou a carreira. Hai todo un traballo moi forte detrás que se foi facendo progresivamente. Non se trata de falar de efectivos porque hai moita xente que neste mes está de vacacións pero que nos últimos nove estivo a traballar para que hoxe saia todo perfecto. O esforzo real foi o luns e o martes e tamén hoxe.

-Discrepo con vostede en asuntos do día a día municipal, pero opino que atinou cando o seu equipo decidiu traer a Vuelta. A repercusión para a cidade será moi grande.

-Mire, os organizadores (que levan moitos anos facendo a carreira) saben perfectamente a repercusión que ten. Segundo eles, o cálculo estimativo do retorno do investimento que facemos é de un millón de euros. Por cada euro investido retornan doce para o concello. Son cálculos para a xornada de onte e tamén a de hoxe. A repercusión é moitísima: estamos a falar de que hai 1.400 xornalistas acreditados de 190 países nos que se emitirá en directo. Falamos de Alemaña, Ucraína. Arxentina... países dos cinco continentes.

-A imaxe de Lugo parece que podería chegar hoxe a 370 millóns de espectadores...

-O potencial da chegada da carreira é inmenso. Os organizadores saben que son 370 millóns de persoas ás que pode chegar a retransmisión. Non quere dicir que ás cinco da tarde haxa 370 millóns de espectadores. Moitos verán a chegada en directo, outros despois e o fin da etapa será moi comentado. Insisto, o potencial é inmenso. Se nos centramos xa só nos xornalistas, temos que poden ser 1.400 embaixadores de Lugo nos seus lugares de orixe, que falen da impresión que lles causou a cidade, das súas peculiaridades, dos potenciais... Somos a cidade máis antiga de Galicia con 2000 anos de historia e un grande patrimonio cun cinto verde que non todas as urbes teñen.

-Parece que foi un acerto que o concello investise 90.000 euros.

-Se queremos facer unha campaña de publicidade que chegue a 190 países, sen falar das posibles visualizacións da cidade, non chegan nin 90.000, nin 150.000 euros. Sería máis cara e, ao mellor, non tería tanta repercusión. Se xa merece a pena desde o punto de vista de promoción, hai que sumar a compoñente deportiva nun concello que leva moitos anos traballando no deporte base e que mantén, cun investimento elevado, moitas infraestruturas. Asemade está a etapa junior, con 120 nenos e nenas dos colexios da cidade que farán o último tramo dos ciclistas. O gañador tamén poderá subir ao podio dos. Será a importancia de asociar o esforzo e o sacrificio para lograr metas, e tamén o afán de superación. O día de hoxe vai ser, ademais de lúdico festivo, unha xornada de fomento do deporte e de promoción para a cidade.

-A partir das 17.30 horas a Muralla e o centro da cidade, poden ter os tres ou catro minutos de ouro...

-Vamos vender a cidade como un conxunto. Que a carreira teña a meta na muralla daranos máis tempo televisivo, ese foi un dos obxectivos polo que pelexamos; non era doado xa que logo había complicacións por ser unha das principais arterias da cidade, pero o interese estaba en destacar a cidade e que o seu buque insignia se visualice; que tivera repercusión máis tempo. E así será porque, logo do fin da carreira, haberá imaxes da entrega de premios, entrevistas... Será unha grande publicidade para a muralla. Compensa no seu conxunto e sabémolo pola repercusión que tiveron etapas anteriores. Nesta agardamos máis. Na última tiñamos un patrimonio da humanidade e nesta temos tres que poñeremos en valor.