Lume

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia árdenos o monte un día si e outro tamén, a menos que chova con xeito? porque temos moito monte, porque non limpamos o monte, porque nos roubaron o monte, porque non nos doe o monte, porque entendemos que o monte non é noso.

O problema é moito máis global. Parroquias que hai anos tiñan varios centos de veciños teñen agora vinte. Montes que antes se traballaban, quedaron a bravo. Montes que eran dos veciños desde tempo inmemorial, foron roubados legalmente polo Patrimonio Forestal do Estado hai medio século? e todo ese cóctel xunto, estoupa cada verán porque os galegos do campo entenden que o monte se non é deles non é de ninguén.

Nunca conseguín que os meus parentes labregos me informasen do que pasaba no monte, de por que ardía, de porque aparecía o lume onde non había xente? e parece como se ese mesmo problema o tivese o goberno, a Xunta, as forzas da orde, os que apagan o lume, os medios de comunicación, os que non viven do monte, os que non viven no monte? ninguén sabe ou non quere saber por que arde o monte, a quen lle interesa que arda, por que hai que gastar en apagar o lume o que non se inviste en limpalo, por que non arde o monte noutros países con montes máis espesos?

Cando se fala dun tema do que ninguén sabe nin contesta, enténdese que o opinante garda a información para si, para expresala en mellor momento. Neste caso, todos calados coma mortos? arde o monte, por centos de hectáreas. Arde o monte, e o único que sabemos é apagar o lume, e agardar que chova.