Os do fornezo de enerxía eléctrica

Adolfo de Abel Vilela A TRASTENDA DOS CABLES

LUGO CIUDAD

10 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 13 de agosto do ano pasado, publicaba nestas páxinas un artigo co título «Máis cables: o que di o Pepri so vai á misa para algúns», a raíz de que naqueles días unha subcontrata colocaba cables e aparellos nas fachadas das casas na zona do Burgo Medieval para unha empresa de telefonía contravindo o que di a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (LPCG) e o Pepri sen que o Concello o impedise. Como estes días se volveu a falar aquí do mal aspecto dos cables polas fachadas, pode ser ilustrativo contar a miña experiencia persoal, o que non se ve, o que se podería chamar a trastenda deste tema.

Hoxe vou tratar o relativo ao subministro da enerxía eléctrica. Para outro artigo deixo o do servizo de telefonía. No meu interese por cumprir o que di a LPCG e o Pepri sobre os cables nas fachadas, cando solicitei o fornezo de enerxía eléctrica para un edificio catalogado co nivel 2, recibín a visita dun empregado da compañía para ilustrarme do que tiña que facer. Diante do edificio hai no pavimento quince rexistros para os servizos de augas, electricidade e telefonía, colocados cando se fixo a nova pavimentación para evitar o cables polas fachadas.

Segundo o citado empregado, tanto a mangueira como a caixa da acometida había que colocalas na fachada, ao que me neguei por ir en contra do establecido explicándolle o que dicía a LPCG e o Pepri. A resposta que recibín foi que o Regulamento de Baixa Tensión, estaba por encima de todo iso, e como non tiña ganas de perder o tempo explicándolle a orde xerárquica das normas, un Regulamento non está por encima dunha Lei, ante a miña negativa a aceptar a súa proposta foise dicíndome que me volvería a chamar logo de consultar aos seus xefes, o que así ocorreu pasados uns días.

No segundo asalto situados os dous ante a fachada do edificio volveume a propoñer a colocación da caixa da acometida na fachada ao que lle repetín a miña oposición. Vendo que eu non aceptaba dixo que había outra solución que consistía en facer unha gabia de tres metros de longo perpendicular á fachada para introducir os cables soterrados e colocar a caixa de acometida no interior, que é o que di a LPCG e o Pepri. Cando lle manifestei que iso era o que pedía, xurdiron varios peros. O primeiro que a obra a tiña que facer pola miña conta, quedando despois de propiedade da empresa, e que tiña que solicitar á Consellería de Industria un certificado de autorización.

A aventura da licenza

Así que solicitamos licenza municipal para facer a gabia, depositamos unha fianza de 200 euros durante un ano para garantir a correcta execución e pedimos un certificado que consideramos innecesario á Consellería de Industria. Innecesario porque a LPCG di no artigo 46.5 que toda obra nova, de reforma ou rehabilitación haberá de prever a instalación de contadores, empalmes e caixas no interior dos edificios, procurándose a súa integración nos espazos comúns ou de acceso, sen deterioralos.

A solicitude do certificado presentouse no mes de maio en Lugo, tardou un mes en saír para Santiago, interesámonos polo tema varias veces ante a delegación territorial, como xa pasaran catro meses sen ter noticia, en setembro fixémolo en Santiago pescudando que a solicitude a tiña para despachar un funcionario que estaba de vacacións e que non regresaba ata outubro. Tivemos que falar cun subdirector xeral para explicarlle o que ocorría o cal encargou a outro funcionario facer o informe para que en Lugo expedisen o certificado. Mentres o mensaxeiro da compañía distribuidora chamaba para preguntar si tiñamos o certificado. Ao dicirlle que aínda non, deume a boa noticia de que xa o recibira un veciño da rúa de San Marcos. Cando lle preguntei cando o solicitara díxome que no inverno, e dicir, xa pasaran sete meses. Era o ano 2012, en plena crise económica, con case seis millóns de parados estábase xogando con seis postos de traballo e o patrimonio dunha familia. A propaganda, de simplificar os trámites para poñer negocios, e a protección cara á pequena e mediana empresa, casa mal coa forma de actuar duns e doutros.