«Lugo debería rodearse de hortos e ceder parte ao banco de alimentos»

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

José Manuel Agra, considera que esta sería unha forma de dar saída aos excedentes que sempre hai e de ofrecer unha alternativa de ocio saudable á poboación

28 ago 2015 . Actualizado a las 21:03 h.

José Manuel Agra, propietario da empresa Nuevos Jardines, imparte estes días un curso sobre hortos urbanos -xunto á enxeñeira Silvia Nadeira- na Casa da Xuventude de Lugo. As clases teóricas durarán dúas semanas, e despois celebraranse 40 horas de prácticas nun horto que están poñendo en marcha ao lado do propio local do curso.

-¿Cal é o obxectivo desta actividade?

-Inculcar á xente a afección pola horta propia e pola produción para un mesmo. A idade media dos participantes é duns 20 anos, e mesmo hai xente de 16, así que é moi esperanzador. O que intento transmitirlles é o amor polos hortos urbanos e que se trata dunha actividade á que poderse dedicar no tempo de lecer. De feito, é unha forma de coñecer xente, porque en zonas onde hai moitos hortos entáblase pronto amizade cos compañeiros. Tamén é importante que aprendan as diferenzas entre produción intensiva e caseira.

-¿Por que son importantes estes hortos?

-É unha forma de pasar o tempo, de divertirse e de comer froita e verdura sa. Pero poden cumprir máis funcións.

-¿Por exemplo?

-Lugo, como outras cidades, debería rodearse de hortos e ceder parte ao banco de alimentos. A xente que os traballara, como nos hortos do Rato, podería levar os produtos para eles, e os excedentes poderían destinarse ao banco de alimentos ou outras institucións benéficas. Sería práctico porque, debido ao noso clima, o horto produce todo de golpe e sempre hai excedentes. Ocorre moito cos tomates, por exemplo, cuxas plantas se cargan de froito entre finais de xullo e principios de agosto. Mentres nos invernadoiros a colleita prolóngase tres ou catro meses máis e na produción industrial se recollen tomates durante dez meses, na plantación caseira ocorre, como moito, durante dous meses, e o sabor duns e doutros é moi diferente. Desperdíciase moito nas hortas e é unha pena. Unha iniciativa así, ademais, tamén fomentaría hábitos de vida saudables.

-¿Hai terreo suficiente en Lugo para iso?

-Ao redor de Lugo sobran sitios para iso. Ademais, as hortas organizadas precisan pouco espazo, non é como na aldea que, ao sobrar terreo, están desordenadas as plantacións. Ese é outro aspecto, porque unha horta ben distribuída é bonita de ver, co que Lugo gañaría en estética. Por outra banda, voluntarios para traballar a terra aparecerían sen problema, non hai máis que ver como os hortos do Rato están sempre saturados. Outro punto positivo é que nesta zona temos unha terra moi boa para produtos da horta, case nin se precisa abonar o chan.

-¿Por que están en auxe os hortos urbanos?

-Porque traballar a terra é unha forma de relaxarse que ademais engancha facilmente. O outro día traballei sen parar de oito da mañá a oito da tarde, e ao chegar a casa o primeiro que fixen foi dedicarlle media hora ao meu horto. Quen se afecciona non o toma como un traballo, pensa na recolección e iso aporta unha satisfacción enorme. Ademais, a xente quere comer mellor, máis ecolóxico, e esta é unha boa maneira de conseguilo.

-¿Aumentan tamén os hortos nas terrazas dos pisos?

-Moito. A xente planta leitugas, cebolas, tomates, pementos... E cada vez hai máis persoas que, por falta de espazo e tamén cun fin estético, aposta por plantacións en paredes verticais. Desde a nosa empresa levamos eses deseños e dan moi bo resultado, pero non todas as especies valen.

José Manuel agra imparte un curso sobre hortos urbanos na casa da xuventude

«Traballar a terra é unha forma de relaxarse que ademais engancha facilmente»

«Aumentan os hortos en terrazas, mesmo con plantacións nas paredes por falta de espazo»