«Acordos, nin co PP nin con imputados»

LUGO CIUDAD

Santiago Fernández Rocha ponse ao día sobre o estado actual dos distintos asuntos municipais.
Santiago Fernández Rocha ponse ao día sobre o estado actual dos distintos asuntos municipais. A. lópez< / span>

Fernández di que o seu grupo é partidario de redactar un novo PXOM

13 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É un proxecto que impulsou desde o primeiro momento e, cando chegou o día, non podía evitar atender o compromiso de encabezar a lista. Santiago Fernández Rocha é o aspirante á alcaldía de Lugo por Lugonovo. Diante da posibilidade de que sexan necesarios acordos no Concello de Lugo, aclara que non pactarán nin co PP nin con imputados (é o caso do socialista Orozco). Defende a creación dun parque multiaventura ao pé de Miño.

-Se o resultado electoral non produce unha maioría clara, ¿está disposto a pactar? Se é posible o pacto, ¿aceptaría entrar no goberno local? Se Orozco sigue imputado, ¿pactaría con el, pese a elo?

-Si, se non hai maioría clara estamos dispostos a chegar a acordos con candidaturas que non teñan imputados. A partir de aí, en función do programa. En todo caso, será a nosa asemblea a que decidirá. E non pactaremos co PP porque o consideramos paradigma do que non queremos.

-Se forma parte do goberno ou se, mediante pacto, pode condicionar as súas decisións, ¿cal será a primeira medida que fará adoptar?

-Repetímolo de maneira constante: crear unha renda mínima de inserción para as familias sen recursos, sacando os cartos do aforro das dedicacións exclusivas e dos asesores no Concello, no que se van máis de 700.000 euros.

-¿É vostede partidario de manter a ORA ou quere suprimila? Se cree que debe manterse, ¿en que condicións?

- Nós manterémola, pero dependerá do Concello directamente, municipalizarémola, para que non sexa un servizo fundamentalmente recadatorio. Hai que reestruturala. Haberá media hora gratis para todos, co fin de facilitar o aparcamento a quen ten que facer xestións puntuais.

-Se pode decidir, ¿manterá o actual estado de cousas en canto ao número de dedicacións exclusivas e postos de libre designación?

-Non, radicalmente non. Será unha medida a adoptar nada máis chegar ao Concello. Non estou dicindo que sacaremos o 100%, pero polo menos o 50%.

-A tramitación do PXOM empezou en 1997 e a estas alturas aínda está sen aprobar o 5%. ¿Que debe facer o Concello para sacar adiante esa parte do plan?

-O noso grupo non vai facer unha revisión dese plan; o que fará é aprobar un novo plan que estea deseñado en función das persoas e non da especulación. Non ten sentido un PXOM para Lugo pensado para 250.000 persoas. Será un novo plan, ou unha revisión completa. No casco histórico intentaremos completar a rehabilitación e aproveitas os espazos libres para dotacións; queremos que o casco histórico volva a ser habitado.

-O prezo da auga subirá antes ou despois porque Europa insta a axustar ingresos e gastos. ¿Que formula de xestión defende para este servizo?

-Buscaremos fórmulas de municipalización. É un servizo básico e o Concello ten que xestionalo para que non repercuta negativamente nas rendas con máis dificultades. Faremos un estudo, e miraremos como sae máis barato, pero sempre o control vai ser municipal.

-O transporte público está pendente de adxudicación. Defina a súa postura sobre este asunto.

-Teremos que ver como está realmente a situación. Reestruturarémolo con base no eixo do HULA. Estaba deseñado en función da Universidade e isto non pode seguir así. O problema non está no prezo do billete, senón na eficacia do servizo.

-En materia de mobilidade, ¿seguirá as recomendacións do plan que encargou e pagou o Concello?

-Nós imos traballar para conseguir unha cidade de tráfico lento, intentando peonalizar ao máximo, incluso fóra da Muralla. Incluso na zona da Milagrosa haberá algunha rúa peonil para vertebrar o comercio. Queremos un Lugo no que a xente poida disfrutar, un Lugo para vivir. Por exemplo, nas Fontiñas haberá que reducir a velocidade. Dentro da cidade trataremos de que os recorridos estean limitados a 30 quilómetros por hora. Incluso pensamos estudar a posibilidade de que os párkings de dentro da Muralla sexan para residentes e habilitar outros aparcamentos fóra do recinto amurallado.

-¿Cales son as claves para a xestión da Policía Local?

-A Policía Local hai que descentralizada e crear unha oficina na zona norte da cidade, na Milagrosa. Ademais ten que ter unha presenza máis activa no casco histórico e estar moito máis nos barrios. Ten que ser unha policía de proximidade.

-¿Quere ou non unha praia fluvial pública?

-Un dos nosos obxectivos é acercar a cidade ao río. Queremos crear un parque multiaventuras para disfrute de nenos e maiores, que leve ás familias a disfrutar do río. E tamén crear a praia fluvial.

-Lugo ten un «barrio chino» con recobrada actividade. ¿Cal é a súa postura en relación coa prostitución e que medidas cre que hai que aplicar?

-Entendemos que esa zona hai que rehabilitala ao 100% e facer que sexa habitable. É un asunto tremendamente delicado. Ten que haber rehabilitación inmobiliaria, pero tamén intervención social.

santiago fernández rocha candidato á alcaldía por lugonovo

«Nós imos traballar para conseguir unha cidade de tráfico lento, peonalizando ao máximo»