A xeración «selfie» escoitou con devoción a unha lenda viva chamada Neira Vilas

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O autor de «Memorias dun neno labrego» reflexionou no IES Leira Pulpeiro sobre a vida, Galicia, o galego e a emigración

17 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Tedes diante de vós a unha lenda da literatura galega». Con estas palabras introduciu onte o director do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, Íñigo Barreira, a charla que ofreceu no centro Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928). «É unha ledicia e un privilexio telo aquí, e non só polo seu valor literario, senón tamén polo humano», engadiu sobre o autor de clásicos como Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo ou Historias de emigrantes. Máis de cen alumnos de primeiro e segundo de Bacharelato escoitaron con devoción un relato que Neira Vilas iniciou recordando a súa infancia como «fillo de campesiños pobres» que se erguía ás tres da mañá para traballar e, xa de día, «gañaba o dereito de ir á escola despois de andar 14 quilómetros». «Con 20 anos termino emigrando para ter libros e estudar», destacou o escritor, que é membro da Real Academia Galega.

En torno á experiencia da emigración, primeiro en Bos Aires e logo en Cuba, fiou Neira Vilas multitude de anécdotas e reflexións sobre a vida, a identidade de Galicia e o idioma galego. «Castelao dixo que o galego é fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués, e segue sendo un privilexio que temos», destacou o escritor, que con 86 anos conserva unha lucidez envexable aínda que se move con maior dificultade. Ao final, varios rapaces non quixeron deixar pasar a ocasión sen facerse un selfie con Neira Vilas, que aceptou encantado logo de firmar cantidade de libros. Tamén interviñeron a profesora e membro do equipo de Dinamización Lingüística Juncal Martínez; e a coordinadora da biblioteca, Ana Dopazo.

«Invítovos a usar e a falar o galego entre vós. E sobre todo a ler, porque o libro, sexa en papel ou sexa electrónico, segue sendo un medio fundamental de adquirir cultura. Nel temos toda a ciencia e toda a sabiduría do mundo»Xosé Neira Vilas